Dez SNL organizan conxuntamente unha nova edición do Club de Debate

Os concellos de Ames, Carballo, Cee, Ferrol, Ourense, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela, Teo e Vigo, a través do seus servizos de normalización lingüística (SNL), organizan conxuntamente unha nova edición do Club de Debate, unha actividade para fomentar o uso oral e público do galego entre a mocidade

Este proxecto, que tivo como antecedente unha iniciativa do Concello de Pontevedra, naceu ao abeiro do que sinala o Plan xeral de normalización da lingua galega para un dos sectores que considera estratéxico, a mocidade, e recolle a responsabilidade que lle atribúe á Administración local no seu cumprimento. Formúlase con base no obxectivo xeral de impulsar o uso da lingua galega cunha visión moderna, afable e útil desta e reforzando a súa estima. Procura activar o uso oral do idioma en contextos formais (os propios debates) e informais (a convivencia entre os participantes durante todo o desenvolvemento da actividade).

Os contidos que se traballan principalmente teñen que ver coas habilidades comunicativas e a oratoria, mais tamén é necesario un proceso de documentación sobre o(s) tema(s) dos debates que achega nocións, datos e argumentos e tamén teñen moita importancia outras cuestións transversais como o fomento do pensamento crítico, da tolerancia fronte á diversidade de opinións e o traballo en equipo

Torneo por equipos

O Club de Debate organízase como un torneo por equipos en fases locais, comarcais e galega nas que os participantes teñen que defender, por quendas, a posición favorable e contraria sobre o tema proposto consonte unhas estritas regras de funcionamento.

Os grupos participan en nome dun centro escolar e teñen que estar formados por entre 4 e 10 membros de 3º, 4º de ESO ou 1º de Bacharelato. Cada equipo estará dirixido por un/unha preparador/a, papel que corresponde a un profesor ou profesora do seu centro, e poderá asistir a un curso de formación inicial para coñecer polo miúdo as normas dos debates e practicar tamén as destrezas necesarias.

Os temas dos debates locais e comarcais son seleccionados contando coas propostas dos centros de ensino e inclúen cuestións relacionadas coa lingua mais tamén outros asuntos de actualidade que suscitan polémica na sociedade. O tema da final galega desta edición será: “O galego é unha oportunidade” e queda fixado na addenda asinada.



Novas incorporacións


Este documento recolle tamén as incorporacións dos concellos de Ourense e Cee, que non participaron na edición anterior, o calendario das diferentes fases da competición e a cidade sede da final galega que, nesta ocasión será Santiago de Compostela, o 4 de maio.

En función do número de equipos que se inscriban (antes do 30 de novembro na maioría dos concellos), organizaranse as competicións locais ou comarcais das cales sairá seleccionado o equipo de cada comarca que asista á competición final. Cada un destes equipos campións comarcais recibirá tamén un premio en material cultural valorado en 500 euros e para o segundo clasificado haberá outro agasallo, tamén en material cultural, valorado en 300 euros. Nesta edición prevese aumentar o número de comarcas que pasarán das catro da primeira edición a seis, de haber suficientes inscricións en todas elas.

O equipo que logre o premio final terá a oportunidade de participar nunha viaxe-convivencia dunha fin de semana para un máximo de 25 persoas nun espazo de interese natural e cultural de Galicia.

Facebook do Club de Debate >

VI PREMIOS MIL PRIMAVERAS

Premios 1000 Primaveras

En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)

Asociate na CTNL

A CTNL no Youtube

A CTNL no Youtube

Queremos galego!

kit para a normalización en rede

Kit para a normalización en rede

Scroll ao inicio