Desta vez si…, subimos ao Pindo!
Intentámolo hai tres anos e a néboa non nos deixou. Agora probamos de novo e esperamos ter mellor sorte. O 24 de setembro cargaremos baterías despois do verán subindo ao Olimpo Celta!
As persoas que traballamos polo galego estamos acostumadas aos esforzos, e de moitos tipos, e, como seguro que imos ter que seguir facéndoos, desde a CTNL propomos unha xornada de convivencia, saúde, natureza, paisaxe e, por que non, tamén cun chisco de esforzo conxunto. Así que o sábado 24 de setembro botaremos a lingua de fóra…: subiremos ao monte Pindo!
E isto, por que?
Pois porque tamén podemos facer unha actividade xuntas/os sen ser directamente de traballo. Porque tamén nos podemos ver sen ser nun curso, nunha xuntanza, nunha asemblea, nuns encontros, nunha manifestación… Porque así tamén ensinamos a lingua. Porque no camiño están as ideas. Porque é importante facermos grupo. Porque o Pindo o merece. Porque se fai camiño ao andar. Porque si. Porque nos peta e queremos e dános a gana.
Pois eu vou! Como e cando me anoto?
Perfecto! Envía un correo electrónico co teu nome e teléfono ao enderezo info@ctnl.gal até o 19 de setembro e así xa contamos contigo, ou con vós. É importante que te anotes, por aquilo de termos a previsión de participación. E temos que ser moit@s ;-)
Cal é o plan e o horario previsto?
Quedamos ás 10.30 h do sábado 24 de setembro diante da igrexa, na parroquia do Pindo (Carnota), alí ao pé da praia [en Google Maps]. Cómpre sermos moi puntuais, ven con tempo! (Por exemplo, para chegar desde Santiago pódeche facer falta preto dunha hora e media, desde A Coruña algo máis e desde Pontevedra preto de dúas horas). Arrancamos puntuais e, despois de camiñarmos uns 4,5 km, contamos con chegarmos arriba, á Moa, sobre as 13.30 h. Observamos, falamos, aprendemos, xantamos (cada quen debe levar a súa comida), descansamos…, e comezamos a baixar sobre as 16.00 h. Aí sobre as 18.00 h, máis ou menos, chegaremos abaixo, e se o tempo acompaña, se queremos, aínda nos poderemos dar un baño na praia ou coñecer algo máis por alí.
A ver se non me esquezo de nada… Que cómpre levar?
Pois tendo en conta que é unha subida ao monte dunhas dúas horas e media, e que imos xantar arriba cada quen coa comida que leve, pensa en que cousas podes necesitar, como por exemplo: roupa cómoda, calzado axeitado para camiñar polo monte, mochila, chuvasqueiro (non vaia ser o demo), gorra, protección solar (tamén, non vaia ser o demo), cámara de fotos, xantar (que non pese moito para levar na mochila), auga (mellor en cantimplora, que vai fresquiña e é reutilizábel), roupa de baño (por se queres despois aproveitar a praia), espírito de convivencia, paciencia, ánimo, gañas de pasalo ben conxuntamente, conversa, etc.
Que?, a que non vas faltar?
-Organiza: Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), que convoca esta subida para botar a lingua de fóra
-Colabora: Asociación Monte Pindo Parque Natural, que nos acompañará, e aproveitamos para amosarlle o noso apoio para que o Pindo sexa declarado parque natural!