Xogar coas palabras, coa expresión oral, coa creación de suxestivos espazos sonoros e, sobre todo, dinamizar o uso do galego entre a mocidade amesá a través da reflexión colectiva sobre a nosa realidade sociolingüística son os obxectivos do Concurso de Teatro Radiofónico Lido que poñen en marcha os departamentos de Normalización Lingüística, Mocidade e Comunicación do Concello de Ames, en colaboración co Equipo de Dinamización lingüística do IES de Ames. O prazo para a inscrición dos grupos está aberto ata o 4 de marzo.
Bases completas en .pdf >
O obxectivo principal deste concurso é o de dinamizar o uso da nosa lingua entre os mozos e mozas do Concello. Pero, ademais, preténdese fomentar o gusto polo teatro entre a veciñanza en xeral e en particular entre os sectores de xente máis nova do concello.
Poderá participar neste certame todo o alumnado do IES de Ames que estea matriculado no 2º ciclo da ESO ou no Bacharelato. A participación farase por grupos formados por entre 2 e 6 persoas. Os grupos poderán estar dirixidos polo profesorado que así o desexe, ou por calquera outro/a monitor/a nomeado polo grupo participante.
Textos que falen da situación do idioma
Os textos que se escollan terán que estar en lingua galega. A temática versará arredor da situación social do idioma galego. O texto escollido por cada grupo poderá saír dunha listaxe recomendada pola organización do concurso ou poderá ser de libre elección ou creación, sempre e cando se axuste á temática do certame. A listaxe recomendada facilitarase a través dos/as titores/as de cada curso. O tempo estimado de emisión para cada unha das pezas será entre os 5 e os 10 minutos.
A inscrición de grupos participantes realizarase no IES de Ames, a través do Equipo de Dinamización Lingüística. O prazo para inscribirse remata o 4 de marzo de 2011. Os grupos participantes realizarán a montaxe das pezas na Radio municipal de Ames, entre o 28 de marzo e o 7 de abril de 2011, previa cita fixada pola organización. As pezas emitiranse en Ames Radio tantas veces como estime conveniente a organización. As persoas participantes comprométense a autorizar estas emisións. Para tal fin, entenderanse cedidos a favor de Radio Ames os dereitos de comunicación pública, reprodución e distribución. Aos grupos participantes facilitaráselles unha copia da súa peza.
As pezas gravaranse e escoitaranse na radio municipal
A emisión das pezas presentadas realizarase en Ames Radio (FM 107.2) entre o 11 de abril e o 6 de maio de 2011 nas seguintes franxas horarias: das 13.30 h ás 14.30 e das 22.00 h ás 23.00 h (de luns a venres).
Estabelécense dous premios:un outorgarao o público e outro concederao un xurado especializado. O premio do público está dotado con 300 euros. A audiencia da radio municipal escollerá por votación entre as pezas emitidas a obra que obterá o premio do público. A votación realizarase entre o 25 de abril e o 6 de maio a través do correo electrónico radioteatro@concellodeames.org ou do teléfono 981 890 452. Cada persoa que vote terá que identificarse e só se computará un voto por persoa. O Premio do xurado tamén está dotado con 300 euros. O Concello de Ames designará o xurado deste premio e darao a coñecer a mediados de abril. Estará formado por un/unha secretario/a e tres membros de recoñecido prestixio dentro do mundo radiofónico e teatral galego.
Os premios faranse públicos na segunda semana de maio e entregaranse o día das letras galegas de 2011 nun acto público na Casa da Cultura do Milladoiro.
Desata a lingua! Concurso radiofónico de teatro lido en Ames
Xogar coas palabras, coa oralidade, coa creación de espazos sonoros e, sobre todo, dinamizar o uso do galego entre a mocidade amesá a través da reflexión colectiva sobre a realidade sociolingüística son os obxectivos do Concurso de Teatro Radiofónico Lido que puxo en marcha o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames