De xoves a domingo, a CTNL en Pontevedra, no Culturgal

Este ano a CTNL xa imos para Pontevedra a véspera de comezar o Culturgal, e facémolo para recoller o Premio Xoán Manuel Pintos, concedido pola campaña Gústame o galego. E, de venres a domingo, estaremos no Pazo da Cultura, en Culturgal, onde o sábado pola mañá presentaremos a plataforma Agasallo.eu e pola tarde celebraremos o 1.º aniversario de Gústame o galego

Temos estes días unha apertada axenda en Pontevedra, onde vos agardamos a todas e a todos!

De venres a domingo estaremos co noso stand en Culturgal, para difundir a CTNL, o noso traballo, o traballo de cara o incremento do uso e prestixio da lingua galega que facemos todas e todos os membros da CTNL. Pasa por alí facer unha visitiña, eh!

E o sábado, no propio Culturgal, temos dúas citas importantes:

Agasallo.eu – Sábado 30, ás 12.45 h

Pola mañá, ás 12.45 h, faremos a primeira presentación da plataforma dixital de propostas de regalos en galego Agasallo.eu. Esta presentación está especialmente dirixida a empresas, profesionais, membros de servizos de normalización lingüística (SNL) e equipos de normalización e dinamización lingüística (ENDL). A plataforma Agasallo.eu, na que levamos xa un tempo traballando, estará operativa a comezos de decembro. Cando o estea, anunciarémolo convenientemente, mais, este sábado, xa podes vela e coñecela en exclusiva, ver as súas funcionalidades e potencialidades, o seu deseño, a súa xestión… Agardámoste!

Gústame o galego – Sábado 30, de 17.00 h a 21.00 h

E a nosa campaña Gústame o galego está de aniversario! Para celebralo, o fotocol volve ao Culturgal xusto o día que cumpre un ano! Este sábado 30, de 17.00 h a 21.00 h. Agardámoste para facer unha foto, turrar das orellas e soprar as candeas ;-)

E a axenda da CTNL xa comeza o xoves 28, pois imos recoller o premio que lle foi concedido á campaña Gústame o galego por parte do Concello de Pontevedra e a Rede de Entidades Amigas da Lingua (REAL), o Premio Xoán Manuel Pintos polo fomento do galego, que tamén lle foi concedido á editorial Kalandraka.

O acto comezará ás 20.30 h no Centro de Interpretación das Torres Arcebispais de Pontevedra (CITA). Nel intervirá o trío Pi Grao e tamén estás convidad@!

Pois iso, vémonos en Pontevedra! ;-)

VI PREMIOS MIL PRIMAVERAS

Premios 1000 Primaveras

En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)

Asociate na CTNL

A CTNL no Youtube

A CTNL no Youtube

Queremos galego!

kit para a normalización en rede

Kit para a normalización en rede

Scroll ao inicio