Da idea á forma (cadrado)

Da idea á forma. Obradoiro de deseño e presentación de proxectos de normalización lingüística

A nova actividade formativa da CTNL terá lugar os días 7 e 13 de novembro de 16:30 a 20:30 na Facultade de Filoloxía da USC. A inscrición estará aberta do 6 ao 26 de outubro.

Por que convocamos este obradoiro?

  • Para axudármonos a organizar as ideas e podérmolas converter en proxectos de normalización lingüística.
  • Para vermos como darlles forma a proxectos de normalización lingüística (que teñamos ou que poidamos idear) e que así poidan espertar interese para seren desenvolvidos.
  • Para deseñar accións concretas e executables para o futuro do uso e do prestixio da lingua galega.

Que imos facer no obradoiro?

  1. Imos analizar que cousas son relevantes para desenvolver un proxecto de normalización lingüística, de tal maneira que para o deseño e presentación dunha acción, programa ou campaña concreta, non nos quede nada atrás.
  2. Coas ideas que teñamos para mellorar o uso e o prestixio da lingua galega nun ámbito ou situación determinada, imos deseñar proxectos concretos, redactándoos e dándolles forma.
  3. Imos valorar como é mellor facer e presentar as cousas. Para iso veremos exemplos de proxectos, cuestións de redacción, selección de información, algunha ferramenta básica de edición…
  4. Con todo o visto, cada persoa (individualmente ou en grupo) deseñará un proxecto, que será presentado e enriquecido na clase. [Para isto, cadaquén poderá escoller se partir dunha idea que xa teña, se dun proxecto propio que queira refacer ou se dalgunha das ideas, propostas ou proxectos que se lle darán na clase.]

O propósito é que deste obradoiro saian ideas moldeadas e algunhas accións de fomento do galego concretas que poidan ser levadas a cabo.

Entón…

…se tes ideas de cousas que se poden facer pola lingua (campañas, proxectos, accións…), mais non sabes moi ben como pode ser a mellor maneira de lles dar forma, de planificalas, de presentalas…,

…se xa planificas, organizas, xestionas… (e tamén tes que presentar, xustificar, facer memorias e todas esas cousas), e queres ver outras maneiras de facelo por se podes considerar que é o momento de optimizar a túa…,

…se queres, de maneira compartida e cooperativa, coñecer ou repasar como se idea e se planifica unha acción para o fomento do uso e do prestixio da lingua galega…,

Si, este pode ser o teu curso!

Canto imos traballar?

O curso terá unha duración total de 12 horas repartidas en 8 horas presenciais e 4 horas de traballo fóra da aula.

Quen vai coordinar o traballo?

Nel Vidal Barral, docente e impulsor de diversos proxectos de normalización lingüística.

Quen pode participar neste obradoiro?

  • As persoas que traballades nos servizos de normalización lingüística (SNL)
  • As persoas que formades parte dos equipos de normalización e dinamización da lingua no ensino
  • As persoas de entidades que desenvolvedes proxectos de normalización lingüística
  • As/Os estudantes e todas aquelas persoas interesadas en traballar no ámbito da normalización da lingua galega

Límite de prazas: 30

Datas, horario e lugar

As sesións presenciais do obradoiro terán lugar o venres 7 e o xoves 13 de novembro, en horario de 16:30 h a 20:30 h. O traballo fóra da aula terá lugar entre estas dúas xornadas.

As sesións presenciais desenvolveranse na sala B10 (1º andar) da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Prezo do obradoiro

  • Socias/os da CTNL: 20 €
  • Estudantes e desempregadas/os: 35 €
  • Outras persoas asistentes: 75 €

Non se debe pagar a cota de inscrición até que non se publique a listaxe de persoas admitidas.

As persoas incluídas na listaxe de admitidas deben ingresar o importe da matrícula na conta da CTNL en ABanca con IBAN ES18 2080 0377 0430 4000 4060, indicando o seu nome completo e mais o concepto “Da idea á forma”. O prazo para facer o pagamento remata o 6 de novembro de 2025.

Homologación

Este curso conta coa homologación de Secretaría Xeral de Lingua da Xunta de Galicia.

Prazo e forma de inscrición

A inscrición debe facerse entre o 6 e o 26 de outubro no formulario habilitado nesta páxina durante o período de inscrición.

A listaxe de persoas admitidas e a forma de pagamento publicaranse a partir do día 27 de outubro. Dado que o número de prazas é limitado, respectarase a orde de inscrición con preferencia para os/as socios/as da CTNL.

Entidades colaboradoras

  • Universidade de Santiago de Compostela (Facultade de Filoloxía)
  • Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude (Secretaría Xeral da Lingua)

Descarga a información completa en pdf.

Principal información

  1. Inscrición: do 6 ao 26 de outubro
  2. Listaxe de admisión: 27 de outubro
  3. Pagamento: do 27 de outubro ao 6 de novembro
  4. Sesións presenciais: 7 e 13 de novembro, de 16:30 a 20:30 h
  5. Lugar: Facultade de Filoloxía da USC
  6. Homologación: Secretaría da Lingua da Xunta de Galicia

Información completa en pdf.

En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)

Asociate na CTNL

A CTNL no Youtube

A CTNL no Youtube

Queremos galego!

kit para a normalización en rede

Kit para a normalización en rede

Scroll ao inicio