pezas puzzle branco

Curso de xestión administrativa para SNL

A nova actividade formativa da CTNL terá lugar os días 15, 16 e 22 de outubro na Facultade de Filoloxía da USC. A inscrición estará aberta do 29 de setembro ao 8 de outubro.

A CTNL organiza unha nova actividade formativa centrada na nova normativa da tramitación administrativa co fin de facilitar a xestión cotiá dos servizos de normalización lingüística. Con Mónica Legaspi Díaz analizaremos os procedementos habituais dos SNL e aprenderemos desde unha perspectiva práctica todo o necesario para tramitar contratos, subvencións ou convenios, alén de deternos nas características da administración electrónica.

Por que este curso?

A finalidade desta actividade formativa é afondar na xestión pública co fin de que os SNL poidan abordar con seguranza o procedemento administrativo, a convocatoria e resolución de subvencións, a elaboración de contratos, etc.

Cales son os obxectivos?

  • Coñecer o procedemento administrativo xeral e o marco normativo e organizativo local que afecta aos SNL.
  • Achegarse aos trámites administrativos básicos —xestión económico-orzamentaria, contratación, subvencións e convenios— que require o traballo desde os SNL.
  • Fornecer dos recursos e ferramentas electrónicas básicas para desenvolver con eficiencia, seguridade e autonomía o labor de xestión administrativa nun SNL.

Como aprenderemos?

Será un curso práctico onde se abordarán os contidos aplicados aos procedementos e trámites máis habituais que desenvolve un SNL.

Quen nos vai guiar?

Mónica Legaspi Díaz, interventora xeral da Deputación Provincial de Ourense.

É licenciada en Ciencias Económicas e en Dereito con ampla experiencia docente na área da xestión pública, tanto nas universidades de Santiago de Compostela e Vigo como para a EGAP, a INAP, a Fegamp, a AGASP e diferentes concellos e deputacións.

A súa experiencia laboral en diversas administracións locais favorece unha abordaxe aplicada dos contidos do curso.

Cales son os contidos do curso?

  • Comprender o ciclo completo da subvención: planificación, concesión, execución, xustificación e control
  • As fontes do dereito local
  • Réxime de organización e funcionamento
  • O procedemento administrativo local
  • As subvencións
  • Os contratos do sector público
  • Os convenios, protocolos e acordos de colaboración
  • Requisitos e tramitación das facturas
  • O control interno das actividades económico-financeiras das entidades locais. Os reparos
  • Xestión do gasto público. Execucións dos orzamentos
  • A administración electrónica na contratación e no procedemento administrativo

Cal é a duración total?

  • 12 horas

Quen pode participar?

  • Técnicos/as de servizos de normalización lingüística (SNL)
  • Traballadores/as de empresas, asociacións e outras entidades relacionadas coa normalización da lingua
  • Persoas interesadas en traballar pola normalización da lingua

Límite de prazas: 25

Onde será o curso?

  • Na sala C01 da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (Campus Norte, avenida de Castelao, s/n, Santiago de Compostela)

E canto custa?

  • Para socias/os da CTNL: 20 euros
  • Para estudantes, bolseiras/os e desempregadas/os non socios/as: 35 euros*
  • Para non socias/os da CTNL: 75 euros*

* As persoas non asociadas poden anotarse na CTNL aboando a cota de socio/a correspondente e beneficiarse do custo reducido de 20 euros polo curso.

Cales son os prazos e as datas?

  • A inscrición está aberta entre o 29 de setembro e o 8 de outubro de 2026.
  • O día seguinte, 9 de outubro, publicarase a listaxe de persoas admitidas.
  • O prazo para aboar o importe do curso vai do 9 ao 14 de outubro de 2026.
  • Datas e horas de desenvolvemento do curso:
    • 15 de outubro: de 16:30 a 20:00 h
    • 16 de outubro: de 9:00 a 14:00 h
    • 22 de outubro: de 16:30 a 20:00 h

Gústame! Como fago para apuntarme?

A través deste formulario entre o 29/09/2026 e o 08/10/2026.

Dado que o número de prazas é limitado, respectarase a orde de inscrición con preferencia para os/as socios/as da CTNL.

Non se debe pagar a cota de inscrición até que non se publique a listaxe de persoas admitidas.

As persoas admitidas deben ingresar o importe da matrícula na conta da CTNL en Abanca número ES18-2080-0377-04-3040004060, indicando o nome completo e mais o concepto “Xestión administrativa”.

Se unha persoa está na listaxe de admitidas e non vai participar no curso, debe comunicalo por teléfono ou correo electrónico o máis axiña posíbel, para así poder incorporar, con suficiente antelación, a seguinte persoa da listaxe de agarda.

Descarga a información completa en pdf.

Este curso está organizado pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude (a través da Secretaría Xeral da Lingua) e da Universidade de Santiago de Compostela.

Principal información

  1. Inscrición: do 29 de setembro ao 8 de outubro de 2026
  2. Formulario de inscrición aquí.
  3. Listaxe de admisión: 9 de outubro de 2026
  4. Pagamento: do 9 ao 14 de outubro de 2026
  5. Sesións:
    • 15 de outubro: de 16:30 a 20:00 h
    • 16 de outubro: de 9:00 a 14:00 h
    • 22 de outubro: de 16:30 a 20:00 h
  6. Lugar: Facultade de Filoloxía da USC (sala C01)

Información completa en pdf.

En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)

Asociate na CTNL

A CTNL no Youtube

A CTNL no Youtube

Queremos galego!

kit para a normalización en rede

Kit para a normalización en rede

Scroll ao inicio