Curso de Deseño e desenvolvemento de proxectos de normalización lingüística no ensino

A CIG-Ensino e a AS-PG organizan un curso sobre Deseño e desenvolvemento de proxectos de normalización lingüística no ensino. Será impartido por Nel Vidal e desenvolverase en liña entre o 4 e o 25 de febreiro. A inscrición está aberta.

A CIG-Ensino e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) inclúen no seu plan de formación para docentes un curso titulado Deseño e desenvolvemento de proxectos de normalización lingüística no ensino. Esta actividade formativa ten unha duración de 30 horas e desenvolverase na modalidade de teleformación entre o 4 e o 25 de febreiro.

OBXECTIVOS DO CURSO:

– Manexar metodoloxías para o deseño e a implementación de proxectos de dinamización e normalización da lingua galega nos centros de ensino, desde a idea até a avaliación.

– Desenvolver ideas que se poidan converter en proxectos participativos para o fomento do uso e do prestixio da lingua galega entre a poboación escolar e/ou desde os centros de ensino.

– Coñecer diferentes proxectos de dinamización lingüística desenvolvidos en diferentes ámbitos e que se poden ser extrapolábeis para diversos contextos e centros de ensino.

CONTIDOS DO CURSO:

1. Metodoloxía e innovación para o fomento do uso e do prestixio da lingua galega.

2. Creatividade, innovación, adaptación ao contexto, implicación e participación para o desenvolvemento de proxectos de normalización lingüística entre a rapazada.

3. Da idea á acción. Deseño e implementación de accións concretas para o fomento da lingua: obxectivos, destinatarios/as, medidas, metodoloxías, periodización, comunicación, recursos e avaliación.

4. Exemplos de experiencias de proxectos de dinamización lingüísticas que se poden considerar de boas prácticas e que poden ser extrapolábeis ou inspiradores para diversos ámbitos e contextos.

DOCENTE:

O curso será impartido por Nel Vidal Barral, docente de ensino secundario e extécnico de normalización lingüística no Concello de Carballo.

INSCRICIÓNS:

A inscrición para o curso faise nesta ligazón. A matrícula ordinaria ten un prezo de 65 euros, que se reduce a 15 euros para afiliados/as da CIG e socios/as da AS-PG.

Máis información aquí.
VI PREMIOS MIL PRIMAVERAS

Premios 1000 Primaveras

En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)

Asociate na CTNL

A CTNL no Youtube

A CTNL no Youtube

Queremos galego!

kit para a normalización en rede

Kit para a normalización en rede

Scroll ao inicio