CTNL: 25 anos traballando en lingua

Entre 1996 e 2021 transcorreron 25 anos de traballo da CTNL. Para celebrar este aniversario difundimos cinco conversas gravadas en liña sobre diversos aspectos do percorrido da asociación: primeiros anos, contexto de traballo, relación cos SNL, actividades e recursos e presente e futuro. Publicaranse en YouTube entre o 15 e o 19 de decembro.

No ano 1996 constituíuse formalmente a CTNL, con moita ilusión e gañas de colaborar e compartir recursos e coñecementos para sermos mellores profesionais. Neste 2021 conmemoramos un cuarto de século traballando co fin de mellorar o labor técnico de normalización lingüística. A CTNL decidiu celebralo analizando en conversas informais o que ocorreu durante estes 25 anos.

Nunha serie de cinco conversas en liña, conducidas pola xornalista e escritora Rosa Aneiros, diversas persoas que pasaron pola directiva e con diferentes perfís profesionais e antigüidade na asociación comentan varios aspectos do percorrido da entidade. Os obxectivos destas pezas son:

– Difundir e lembrar o labor da CTNL, dos e das técnicos/as de normalización lingüística e do traballo feito ao longo deste cuarto de século.

– Facer unha panorámica das claves sociolingüísticas que caracterizaron estes 25 anos e a súa repercusión na normalización lingüística.

– Reflexionar sobre o futuro da normalización lingüística como proceso social e como ámbito de traballo.

As conversas estrearanse na canle de YouTube da CTNL ás 21.00 h entre os días 15 e 19 de decembro e serán difundidas nas redes sociais da asociación. Adiantamos unha pequena pílula de todas as conversas, onde as persoas participantes definen a CTNL cunha palabra.

Conversa 1: as orixes e primeiros anos da CTNL

Estará dispoñible desde o 15 de decembro, ás 21.00 h, e participan nela Soco García Conde, técnica de normalización lingüística do Concello de Santiago de Compostela, fundadora e primeira presidenta; Marta Souto González, técnica de normalización lingüística do Concello de Vigo e socia fundadora, e Daniel Romero Rodríguez, xestor de actividades culturais e de normalización lingüística do Concello de Fene. Analízase como comezou a CTNL e lémbranse as primeiras iniciativas para mellorar o traballo técnico de normalización lingüística.

Conversa 2: o contexto de traballo

Estará dispoñible desde o 16 de decembro, á mesma hora, e participan nela Ana Iglesias Álvarez, investigadora e docente na Universidade de Vigo; Rosa Moreiras Cuñarro, técnica de normalización lingüística do Concello de Ames e exsecretaria da CTNL, e Susana Mayo Redondo, técnica do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia. Nela coméntanse os principais fitos do contexto de traballo destes 25 anos: avances e retrocesos na política lingüística que influíron no labor das persoas que traballan en normalización lingüística.

Conversa 3: a CTNL e os servizos de normalización lingüística (SNL)

Participan tres técnicas de normalización lingüística de ámbito municipal que iniciaron o seu labor profesional en diferentes momentos destes 25 anos: Mónica Fernández Valencia, do Concello de Ourense e secretaria da CTNL, Conchi Cochón Rodríguez, do Concello de Pontevedra e expresidenta da CTNL, e Xulia Rigueiro García, do Concello da Coruña. Falan de como a asociación lles serve de axuda para o traballo, o encontro e a colaboración e dalgúns proxectos que se impulsaron a partir deste intercambio, como o programa Apego ou Youtubeir@s. Estará en aberto o vindeiro venres, 17 de decembro, ás 21.00 h.

Conversa 4: actividades, recursos, proxectos e campañas da CTNL

A partir do 18 de decembro, á mesma hora, poderemos escoitar a Nel Vidal Barral, docente, extécnico de normalización lingüística do Concello de Carballo e expresidente da CTNL; Dores Sánchez Alegre, técnica de normalización lingüística da Deputación Provincial da Coruña e exvogal da CTNL, e Tono Formoso Lado, fundador da Cooperativa Fabaloba e tamén exvogal da asociación. Eles falarannos das diferentes vertentes do labor desenvolvido desde a CTNL, con campañas tan célebres como Gústame o galego, e da forma de traballar da asociación.

Conversa 5: presente e futuro da CTNL

Pecha a serie unha conversa onde se analiza a situación actual da CTNL e os retos de futuro, que deben pasar por unha maior rede de SNL e estabilidade laboral. Participan Isabel Vaquero Quintela, técnica de normalización lingüística da USC e socia fundadora; Luís Pérez Barral, técnico de normalización lingüística do Concello de Outes e na Mesa pola Normalización Lingüística; Olga Patiño Abeixón, docente e exvogal da CTNL, e Anxos Sobriño Pérez, actual presidenta. Estará dispoñible desde o 19 de decembro.

Todas as conversas foron gravadas en liña no mes de novembro coa coordinación e soporte técnico de Nós Televisión.

AGRADECEMENTOS

Agradecemos a todas as persoas que interviñeron nestas conversas a súa boa disposición, ideas, lembranzas e opinións. Agradecemos tamén a Rosa Aneiros o fantástico labor de guía e a Nós Televisión todo o traballo técnico e de coordinación.

Lista de reprodución dos vídeos

#traballandoenlingua #CTNL #25anostraballandoenlingua

VI PREMIOS MIL PRIMAVERAS

Premios 1000 Primaveras

En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)

Asociate na CTNL

A CTNL no Youtube

A CTNL no Youtube

Queremos galego!

kit para a normalización en rede

Kit para a normalización en rede

Scroll ao inicio