«Unha lingua é máis que unha obra de arte: é matriz inesgotable de obras de arte», dicía Castelao ao valorar a nosa lingua. Coma el, outros entusiastas seguidores dos precursores galeguistas Eduardo Pondal, Alfredo Brañas, Manuel Murguía, Rosalía de Castro e Curros Enríquez, ergueron as bandeiras da lingua e da cultura do pobo galego para reformular un novo rexurdimento lingüístico, cultural, económico, social e político que ficou salvaxemente esnaquizado polo anticonstitucional golpe de estado do 18 de xullo de 1936.
Acuarela Comunicación, coa colaboración de diversas institucións, como os concellos de Vigo, A Coruña, Santiago de Compostela, Redondela, Cangas, Poio, as tres universidades galegas, a Fundación Galiza Sempre ou Fesga, vai presentar no conxunto do noso país a exposición gráfica e audiovisual sobre a represión lingüística desatada en Galiza a partir do levantamento militar. A realización desta obra expositiva pretende recuperar as vivencias das persoas que viviron os tráxicos sucesos do levantamento fascista e reflexionar sobre as consecuencias que tiveron para elas e o conxunto da nosa sociedade a sistematoloxía represiva implementada no noso país, onde a nosa lingua foi, tamén, un obxectivo dese accionar represivo.
A construción narrativa do traballo expositivo, tanto no aspecto textual, gráfico e audiovisual, está baseado en pequenos relatos de historias de vida de persoas que padeceron ao longo destes dilatados anos da ditadura, a represión lingüística, psicolóxica, social e incluso económica, derivada desta perversa e obsesiva práctica represiva.
A participación de investigadores e estudosos engade o rigor científico necesario para afondar noutros aspectos desta represión lingüística que proxecta a súa longa sombra até os nosos días.
A inauguración será o mércores 6 de maio ás 19.30 h na Fundación Gonzalo Torrente Ballester (Rúa do Vilar 7) de Santiago de Compostela, e nela, Pilar Freitas falará sobre a represión lingüística en Galiza.
Crónicas da represión lingüística, charla e inauguración da exposición en Santiago de Compostela
Cunha charla de Pilar Freitas comeza o mércores 6 de maio a itinerancia da exposición "Crónicas da represión lingüística en Galicia" na Fundación Gonzalo Torrente Ballester de Santiago de Compostela.