O Concello de Nigrán abre un proceso selectivo para contratar un/unha técnico/a de normalización lingüística durante 12 meses e cun horario semanal de 18,5 horas, de luns a venres. A contratación efectúase ao abeiro das axudas para a dinamización lingüística da Deputación de Pontevedra.
FUNCIÓNS DA PRAZA:
– Elaborar unha ordenanza ou regulamento de uso da lingua galega no concello.
– Asesorar a Administración no relacionado coa política lingüística.
– Facer seguimento do cumprimento da lexislación en materia lingüística e velar polos dereitos lingüísticos da cidadanía.
– Mellorar a calidade lingüística e comunicativa da institución.
– Normalizar a imaxe lingüística e fixar criterios lingüísticos.
– Resolver dúbidas lingüísticas.
– Planificar, xestionar, executar e avaliar accións a prol da lingua galega.
– Propoñer programas de dinamización e actividades concretas de concienciación lingüística.
– Difundir materiais que contribúan á tarefa normalizadora.
REQUISITOS DE TITULACIÓN:
– licenciatura en Filoloxía Galega, Galego-Portuguesa ou Hispánica (subsección galego-portugués);
– grao en Estudos de Galego e Español ou en Lingua e Literatura Galega.
PROCESO SELECTIVO: concurso-oposición, coas seguintes probas:
– Proba práctica co fin de valorar o dominio do idioma: unha tradución e a redacción dun documento administrativo.
– Proba oral sobre aspectos profesionais e técnicos.
– Puntuación do currículo: concurso de méritos.
PRAZO PARA PRESENTAR SOLICITUDES: sete días hábiles desde a publicación do anuncio no Faro de Vigo. Este anuncio publicouse o domingo día 26 de agosto; daquela, o prazo finaliza o 4 de setembro.
DEREITOS DE EXAME:
Os dereitos de exame correspondentes a este proceso selectivo ascenden a 17,5 euros con carácter xeral ou 4,38 euros para aquelas persoas que acrediten a súa condición de desempregadas.
Bases completas e máis información na sede electrónica do Concello de Nigrán e como anexo a esta publicación.
Convocatoria dunha praza temporal de TNL no Concello de Nigrán
O Concello de Nigrán convoca unha praza temporal de técnico/a de normalización lingüística . O contrato será de 12 meses e terá un horario semanal de 18,5 horas. Prazo para presentar solicitudes: até o 4 de setembro.