Co obxectivo de estimular a creación de novos/as profesionais da industria audiovisual galega, de impulsar as novas tecnoloxías e de contribuír ao cumprimento das tarefas que a Lei do audiovisual lle atribúe ao sector na normalización da lingua galega, a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) convoca subvencións para a produción de curtametraxes en versión orixinal en lingua galega, así como de videoclips.
Os beneficiarios das subvencións á produción de curtametraxes poderán ser produtoras audiovisuais independentes, con sucursal ou oficina permanente en Galiza, que presenten proxectos de filmes -de ficción ou documentais- cunha duración inferior a 30 minutos e en versión orixinal galega. Neste apartado, as bases (.pdf) publicadas o 31 de marzo no Diario Oficial de Galicia estabelecen diferentes modalidades en canto ao soporte, técnica e código narrativo dos traballos: curtas gravadas en soporte cinematográfico (imaxe real), de animación tamén en soporte cinematográfico e proxectos innovadores ou experimentais en soporte dixital.
Canto aos videoclips, apoiarase a realización de relatos audiovisuais que acompañen ou promovan unha produción discográfica de música galega, realizados a partir da colaboración entre empresas audiovisuais e discográficas.
Tanto no caso das curtametraxes como no dos videoclips, o prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 30 de abril.
Convocatoria de subvencións para curtametraxes e videoclips en galego
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) publicou no DOG do 31 de marzo a convocatoria de subvencións para a produción de curtametraxes en lingua galega, así como de videoclips. O prazo de presentación de solicitudes remata o 30 de abril