Convocatoria de subvencións da Deputación da Coruña para servizos de normalización lingüística

Cunha forte redución orzamentaria, pasando de ser unha colaboración trianual a ser unicamente anual, limitándoo a concellos cun mínimo de 7.000 habitantes e despois do peche de 16 SNL, a Deputación da Coruña convoca as subvencións para a creación ou mantemento de SNL municipais en 2012

A Deputación da Coruña reduce fortemente a súa cooperación cos concellos da provincia para o mantemento dos servizos de normalización lingüística. Até 2011 mantiña un plan trianual mediante o que lle achegaba a cada concello de menos de 50.000 habitantes 12.000 euros anuais para o mantemento do seu SNL. Neste programa participaban arredor de 40 concellos.

Agora, coa convocatoria de 2012, a Deputación só se compromete a unha colaboración anual e que queda na cuarta parte, 3.000 euros por concellos (até un máximo de 6.000 euros se dispón de crédito suficiente). Ademais, só se poden acoller concellos ou agrupacións cun mínimo de 7.000 habitantes, cando até o momento, máis da metade, 23, dos concellos acollidos a ese programa, teñen menos desa poboación mínima esixida. Esta forte redución seguirá favorecendo o peche de máis SNL.

Alén disto, a nova convocatoria, publicada no BOP da Coruña do 11 de xaneiro, tamén procura cambiar a nomenclatura dos SNL, tal e como comezou a facer a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta, retirando o termo “normalización” do seu nome, e referíndose a eles como “servizos lingüísticos”, cando a gran maioría dos concellos da Coruña teñen servizos de normalización lingüística (SNL) e así lles chaman.

Bases reguladoras do programa provincial de cooperación cos concellos da provincia da Coruña para a creación ou mantemento dos servizos lingüísticos, anualidade 2012 (BOP da Coruña do 11 de xaneiro de 2012)

OBXECTO

-Financiamento das retribucións da/o técnica/o municipal de normalización lingüística en 2012, para a creación ou mantemento do servizo de normalización lingüística

CONTÍA

-A Deputación contribuirá con 3.000 euros por concello, agrupación de concellos ou mancomunicade, que se poderá incrementar até un máximo de 6.000 euros se se dispón de crédito.

CONDICIÓNS DAS/OS TÉCNICAS/OS

-Licenciados/as en Filoloxía Galega ou equivalente, ou noutra licenciatura sempre que se estea en posesión do Celga 5. A contratación débese facer mediante un proceso selectivo en que se avalíen os coñecementos e as capacidades reais e prácticas das persoas candidatas para o desenvolvemento das funcións do SNL.

DESTINATARIOS

-Poden participar de xeito individual os concellos cun mínimo de 7.000 e un máximo de 50.000 habitantes. Os concellos con menos de 7.000 habitantes só poderán facelo en mancomunidades ou agrupación.

PRAZO

-O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación das bases no BOP. Deste xeito, o prazo remata o 11 de febreiro.

Bases completas en .pdf >

VI PREMIOS MIL PRIMAVERAS

Premios 1000 Primaveras

En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)

Asociate na CTNL

A CTNL no Youtube

A CTNL no Youtube

Queremos galego!

kit para a normalización en rede

Kit para a normalización en rede

Scroll ao inicio