Convocatoria de subvencións a entidades sen fin de lucro para incrementar o uso da lingua galega na transmisión familiar e na mocidade

No DOG do 31 de decembro de 2008 publicouse a Resolución pola que se regula a concesión de subvencións a entidades privadas sen fin de lucro para incrementar os usos da lingua galega na transmisión familiar e na mocidade.

OBXECTO

Esta convocatoria ten por obxecto regular, para o exercicio 2009, a concesión de subvencións en réxime de concorrencia competitiva a entidades privadas sen fin de lucro con incidencia nos ámbitos da familia, da infancia e da mocidade que presenten proxectos de actuación encamiñados a ampliar e/ou reforzar os usos da lingua galega.

As subvencións teñen como fin o de desenvolver as medidas que se recollen nas áreas de transmisión familiar e de mocidade do Plan xeral de normalización da lingua galega, cara a promover a programación e a realización de proxectos especificamente relacionados con estas áreas concretas, e deseñados de acordo con obxectivos como cocienciar as familias das vantaxes do coñecemento e uso do galego, fomentar a transmisión da lingua galega, aumentar a presenza da lingua no ámbito infantil, estimular actitudes favorábeis nas xeracións máis novas, potenciar o uso do galego como lingua de relación da mocidade, etc.

ENTIDADES DESTINATARIAS

Poden solicitar estas subvencións todas as entidades sen fin de lucro legalmente constituídas, excepto: as administracións públicas, as asociacións de nais e pais de alumnos/as e as agrupacións destas.

Cada entidade poderá presentar un único proxecto.

ACTIVIDADES SUBVENCIONÁBEIS

Son actividades subvencionábeis todas aquelas consistentes en:

-Fomentar o uso do galego como lingua de transmisión familiar de pais/nais a fillos/as.

-Propiciar que os responsábeis dos servizos persoais á comunidade (educadores/as, monitores/as, técnicos/as culturais, traballadores/as sociais, etc.) sexan dinamizadores/as da lingua galega.

-Fomentar o uso do galego nos contextos sociais de máis impacto e utilización por parte da mocidade (pubs, discos, bares, etc.).

-Fomentar a utilización do galego nas actividades deportivas.

-Interrelacionar mozos/as de diferentes perfís lingüísticos a través de actividades de lecer (campamentos, obradoiros, excursións, etc.).

-Crear diversos soportes en galego de información e interrelación xuvenil (revistas, webs, blogs, soportes audiovisuais, xogos, software, etc.).

-Deseñar e executar plans de normalización lingüística e crear ou manter gabinetes de normalización lingüística para galeguizar o funcionamento e as actividades das entidades.

PRAZO DE SOLICITUDE

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da resolución do DOG (31/12/08).

Resolución completa en .pdf (DOG do 31/12/08)
VI PREMIOS MIL PRIMAVERAS

Premios 1000 Primaveras

En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)

Asociate na CTNL

A CTNL no Youtube

A CTNL no Youtube

Queremos galego!

kit para a normalización en rede

Kit para a normalización en rede

Scroll ao inicio