Todas as modalidades acaban de ser publicadas pola Agadic no Diario Oficial de Galicia (DOG), agás as de concesión automática para a amortización de custos de produción, que serán convocadas proximamente.
O apoio económico ao sector audiovisual en galego é o seguinte:
-Producións ou coproducións en lingua galega con decidido contido artístico e cultural a cargo de produtoras independentes (longametraxes cinematográficas de ficción ou animación, óperas primas ou segundas longametraxes, telefilmes, documentais de creación ou de difusión cultural e longametraxes dixitais): 1.100.000 euros.
-Axudas ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais en lingua galega -longametraxes de ficción, documentais, telefilmes, formatos innovadores para televisión, pilotos de series televisivas de animación-: 250.000 euros.
-Produción de curtametraxes en versión orixinal galega e videoclips: 200.000 euros.
-Desenvolvemento e produción de contidos dixitais interactivos en lingua galega: 150.000 euros.
-Bolsas para a promoción do talento audiovisual galego, dirixidas a creadores/as individuais para a escrita de guións e a realización de curtametraxes e longametraxes en soporte dixital: 400.000 euros.
Todas estas convocatorias están publicadas nos DOG do 17 de febreiro e do 18 de febreiro.
A información completa pódese consultar tamén na Axencia Audiovisual Galega.
Convocatoria de axudas para un sector audiovisual en galego
A Consellaría de Cultura e Deporte destina este ano un total de 2.700.000 euros en seis liñas de axuda ao sector audiovisual en galego, que xestiona por vez primeira a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). As distintas categorías son: produción audiovisual, creación audiovisual, desenvolvemento de proxectos audiovisuais, curtametraxes e videoclips, proxectos interactivos e amortización de custos de produción de proxectos de interese cultural.