Convocatoria de axudas para a escrita de guións, realización de curtas en soporte dixital e de curtas experimentais en galego

A Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) convoca subvencións para a escrita e produción de proxectos en versión orixinal galega, entendendo como tal a rodaxe/gravación en lingua galega, co obxectivo de estimular a creación de novos profesionais da industria audiovisual. O prazo de solicitude está aberto até o 24 de maio

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) destina este ano 300.000 euros ao desenvolvemento e promoción do talento audiovisual galego a través da súa convocatoria de axudas de creación audiovisual, publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) do 23/4/2010. O obxectivo destas subvencións, para as que se abre até o 24 de maio o prazo de presentación de solicitudes, é favorecer a emerxencia de novos/as creadores/as así como de proxectos enmarcados nas novas estéticas narrativas ou experimentais.

Trátase, ademais, da única liña de apoio da Agadic ao sector audiovisual que se dirixe especificamente a creadores/as individuais no canto de a empresas. Estes/as poden optar a catro modalidades, en función dos proxectos presentados: escrita de guións individuais -orixinais ou adaptados- para longametraxes de ficción, documentais ou películas para TV; curtametraxes en soporte dixital de ficción, animación ou documentais gravados en versión orixinal galega; longametraxes en soporte dixital e de baixo orzamento que, polas súas especiais características creativas, se consideren de difícil financiamento; e curtametraxes experimentais de decidido contido artístico e cultural.

Ruptura dos códigos narrativos

Neste último caso, teranse en conta aquelas propostas que presenten unha ruptura dos códigos narrativos convencionais, que aposten polo proceso de rodaxe-gravación como método para atopar unha historia e que supoñan unha “indagación subxectiva radical” ou introduzan temáticas pouco tratadas dende a perspectiva audiovisual.

Un total de 48 creadores/as beneficiáronse en 2009 desta liña de axudas, convocadas por segundo ano a través da Agacic, o que se traduciu na realización de 19 curtametraxes experimentais, 13 guións, 4 longametraxes en soporte dixital e 12 curtas no mesmo tipo de soporte.

Convocatoria completa, en .pdf >
VI PREMIOS MIL PRIMAVERAS

Premios 1000 Primaveras

En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)

Asociate na CTNL

A CTNL no Youtube

A CTNL no Youtube

Queremos galego!

kit para a normalización en rede

Kit para a normalización en rede

Scroll ao inicio