Convócase o Premio Vía Galego para recoñecer a promoción das relacións coa lusofonía

A Fundación Vía Galego convoca un premio para recoñecer o labor de persoas ou entidades pola súa promoción das relacións cos territorios do sistema lingüístico galego-portugués. O prazo de presentación de propostas remata o 1 de setembro

A Fundación Vía Galego convoca este ano a primeira edición dun galardón que recoñecerá de forma específica aquelas persoas ou entidades que desenvolvan un labor para mellorar as relacións de Galiza cos outros territorios do seu sistema lingüístico, o galego-portugués.

A Mesa pola Normalización Lingüística creou a Fundación Via Galego hai catro anos consciente de que un dos grandes problemas da nosa cultura é a falta de coñecemento e de comunicación cos outros territorios do sistema lingüístico ao que pertencemos, e por ese motivo crea agora este recoñecemento das boas prácticas que se desenvolven nese sentido.

O premio Via Galego outorgarase anualmente por esta Fundación declarada de interese público e de interese galego. As candidaturas a este galardón han de enviarse ao Padroado da Fundación Via Galego por correo electrónico (viagalego@viagalego.org) ou por correo postal (Rúa do Vilar, 15-1º dereita, Santiago de Compostela) antes do un de setembro deste ano. Xunto coa proposta, achegarase un currículo ou folla de méritos. A Fundación garante que as candidaturas se tratarán coa máxima confidencialidade.

Ademais, os membros do xurado (que será o propio padroado da Fundación) poderán tamén propor candidaturas e, se así o consideraren, optar por deixar deserto o premio. Nestes momentos conforman o padroado da Fundación Via Galego as seguintes persoas: Carlos Callón (presidente), Susana Romero (vicepresidenta), Iria Taibo (secretaria) e os vogais Xavier Alcalá, Miguel Barros, Fátima Braña, Quico Cadaval, Pilar García Negro, Carmela González Bóo, Adolfo Muíños, Bernardo Penabade, Fran Rei, Henrique Sáez Ponte e Xavier Vence.

O galardón Via Galego 2010, que reviste un carácter simbólico e carece de dotación económica, darase a coñecer o día 18 de outubro, aniversario da histórica manifestación en defensa da lingua galega.

BASES

PREMIO FUNDACIÓN VIA GALEGO 2010


1. O premio Via Galego é outorgado anualmente pola Fundación Via Galego.

2. O Premio Via Galego é un recoñecemento ao labor de persoas ou entidades pola súa promoción das relacións de Galiza cos outros territorios do sistema lingüístico galego-portugués.

3. As candidaturas ao premio Via Galego han de enviarse ao Padroado da Fundación Via Galego, por correo electrónico (viagalego@viagalego.org) ou por correo postal (Rúa do Vilar, 15-1º dereita, Santiago de Compostela) antes do un de setembro de 2010. Xunto coa proposta, achegarase un currículo ou folla de méritos. As candidaturas trataranse coa máxima confidencialidade. Os membros do xurado poderán tamén propor candidaturas e poderán optar por deixar deserto o premio.

4. Forman o xurado do premio Via Galego os membros do Padroado da Fundación Via Galego, cuxas deliberacións serán secretas.

5. O premio Via Galego, que reviste un carácter simbólico e carece de dotación económica, darase a coñecer o día 18 de outubro, aniversario da histórica manifestación en defensa da lingua galega.

6. As persoas ou entidades premiadas poderán facer mención nas súas comunicacións do outorgamento do premio.
VI PREMIOS MIL PRIMAVERAS

Premios 1000 Primaveras

En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)

Asociate na CTNL

A CTNL no Youtube

A CTNL no Youtube

Queremos galego!

kit para a normalización en rede

Kit para a normalización en rede

Scroll ao inicio