POR QUE ESTE OBRADOIRO?
No traballo cotián ás veces debemos elaborar nós mesmos/as, sen axuda dun departamento gráfico, pequenos carteis ou folletos para anunciar actividades, difundir ideas, etc.
Con este obradoiro, aprenderemos a manexar programas de software libre e en liña que nos axudarán nesta tarefa, co fin de conseguirmos crear de maneira sinxela materiais básicos cun mínimo de calidade para difundir as nosas actividades e mensaxes a prol da lingua.
CALES SON OS OBXECTIVOS?
– Aprender a manexar programas sinxelos de deseño e maquetación, principalmente de folletos e carteis
– Crear materiais básicos para a difusión de accións de normalización lingüística e de mensaxes a prol da lingua
COMO APRENDEREMOS?
Será un obradoiro práctico onde empregaremos programas de software libre: Inkscape, Gimp e Scribus. Tamén haberá un achegamento a programas en liña como Canva e Pixlr.
Ao remate das sesións presenciais, deberemos desenvolver na casa un proxecto gráfico a modo de resumo do aprendido durante o obradoiro.
QUEN NOS VAI GUIAR E AXUDAR?
Ruth Caramés Blanco, licenciada en Bioloxía e postgrao en Enxeñería Ambiental pola Universidade de Santiago de Compostela e técnica de Deseño Gráfico.
Na actualidade é socia de Fabaloba, Sociedade Cooperativa Galega, onde desenvolve todo tipo de proxectos de deseño gráfico e ilustración. O libro ilustrado O neno e a estrela, a imaxe da campaña Gústame o galego, do portal de recursos en galego Alí ou da programación cultural do proxecto Apego do Concello de Santiago de Compostela son algúns dos seus últimos traballos.
QUEN PODE PARTICIPAR?
-Técnicos/as de servizos de normalización lingüística (SNL)
-Traballadores/as de empresas, asociacións e outras entidades relacionadas coa normalización da lingua
-Membros de equipos de normalización e dinamización lingüística do ensino
-Persoas interesadas en traballar pola normalización da lingua
Límite de prazas: 18-22.
PRAZO DE INSCRICIÓN
–Do 26 de setembro ao 15 de outubro de 2017
AVISO: non se habilitará o formulario de inscrición ata que comece este prazo.
ORGANIZA
– CTNL
COLABORAN
– Departamento de Filoloxía Galega, Facultade de Filoloxía, Universidade de Santiago de Compostela
– Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia
Información completa e formulario de inscrición.
Convocatoria completa en .pdf
Convocamos un obradoiro de deseño e maquetación de materiais básicos para a normalización lingüística
A CTNL organiza un Obradoiro de deseño e maquetación de materiais básicos para a normalización lingüística. Impartirao Ruth Caramés Blanco (Fabaloba, S. Coop. Galega) e combinará sesións presenciais en Santiago de Compostela os días 26 e 27 de outubro con traballo a distancia.