As empresas que desexen participar teñen que presentar unha proposta cubrindo un formulario que poden recoller na Oficina de Atención ao Público do Concello de Santiago e na Cámara de Comercio ou nas súas respectivas webs (www.santiagodecompostela.org / www.camaracompostela.com). Deben presentar tamén documentación que demostre o emprego do galego nas actividades da empresa ou comercio.
As categorías do premio son: empresas que veñan realizando un uso continuado do galego e aquelas empresas que se incorporaran recentemente ao seu uso. Tamén se poderá outorgar unha distinción especial a unha persoa ou entidade pola súa contribución á loita da normalización da lingua galega no mundo empresarial.
O nome do Premio Manuel Beiras é unha homenaxe a este galeguista polo seu apoio á lingua, ademais de pola súa actividade como comerciante compostelán.
Os galardoados na edición de 2008 foron: na categoría de nova incorporación, A Navalla Suíza; na categoría de empresas cun uso continuado do galego, Tórculo Artes Gráficas; e con distinción especial, o Centro Comercial Área Central.
As empresas interesadas teñen de prazo para presentar as súas candidaturas ata o 30 de novembro de 2009.
As bases completas pódelas descargar en .pdf [1,05 MB] aquí.
Convocado o X Premio Manuel Beiras ao uso do galego nas empresas de Santiago de Compostela
O Concello de Santiago de Compostela e a Cámara de Comercio convocan o X Premio Manuel Beiras, que ten como finalidade recoñecer o esforzo que realizan as empresas do municipio no proceso de normalización do uso e prestixio da lingua galega.