Convocado o VIII Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo 2012

O obxectivo deste Premio é promover a reflexión sobre a situación do galego e crear espazos nos xornais para fomentar o uso e prestixio da lingua galega. Outórgase un premio de 1.000 euros e a difusión do artigo gañador nos 11 medios de comunicación que colaboran co certame. O prazo de admisión de artigos está aberto até o 9 de abril

O Concello de Carballo, desde o seu Servizo de Normalización Lingüística (SNL) e en colaboración con varios medios de comunicación escritos, convoca por oitavo ano consecutivo o Premio a artigos xornalísticos normalizadores, un certame xa consolidado que ten como obxectivos promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega, crear espazos nos xornais para analizar e fomentar o uso e prestixio do idioma galego e promover o seu uso na prensa.

Ao certame pódense presentar artigos xornalísticos inéditos de opinión que traten algún tema concreto relacionado coa situación sociolingüística do noso país, coa defensa e promoción da lingua galega, co seu estatus, co argumentario a prol do uso do galego, coa lexislación e os dereitos lingüísticos, con experiencias sociolingüísticas concretas, con propostas para o impulso do uso e prestixio social do galego, con experiencias útiles ou favorábeis para a dinamización da lingua, coa política lingüística en xeral ou nalgún ámbito ou situación determinada, etc.

Os artigos deberán ter entre 2.000 e 3.500 caracteres con espazos incluídos (entre 350 e 600 palabras, aproximadamente). O prazo de admisión está aberto até o 9 de abril de 2012.

Outorgarase un premio económico ao artigo gañador, dotado con 1.000 euros, ademais da difusión nos once medios colaboradores coa iniciativa: A Nosa Costa, De Luns a Venres, Diario de Bergantiños, El Periódico de Carballo, Galicia Confidencial, La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia, Praza Pública, Que pasa na Costa, Sermos Galiza e Tempos Novos.

Nas sete edicións anteriores foron premiados/as autores/as como Xurxo Carballido, Olga Patiño, Ana Barreiro, Ramón Vilar Landeira, Miguel Mosquera, Séchu Sende, Kiko Novoa, Xesús Fraga, Pilar García Negro, Marica Campo ou Marcos Abalde.

Bases completas en .pdf >
VI PREMIOS MIL PRIMAVERAS

Premios 1000 Primaveras

En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)

Asociate na CTNL

A CTNL no Youtube

A CTNL no Youtube

Queremos galego!

kit para a normalización en rede

Kit para a normalización en rede

Scroll ao inicio