“Convers-ando” desenvolverase entre o 18 e o 20 de setembro, e mesturará percorridos a pé con actividades na rúa. O sábado cubrirase andando a distancia entre Ribadeo e Vilanova de Lourenzá, e o domingo entre Lourenzá e Mondoñedo. O colectivo presenta a camiñada como unha marcha pola lingua sen pancartas nin slogans, na que o importante é o contacto entre as persoas. Unha oportunidade de “botar a lingua a pacer” para amosar que “o galego é a nosa casa”.
As xornadas completaranse con actividades na rúa polas tardes, o venres 18 en Ribadeo, o sábado 19 en Lourenzá e o domingo 20 en Mondoñedo. As actividades están abertas ás propostas que cheguen, e inclúen xogos, teatro de rúa, faladoiros nos que recoller impresións sobre a importancia do galego e un mural para expresar mensaxes positivas arredor da lingua.
Podes atopar máis información no blogue da iniciativa
Convers-ando, tres días de parola arredor da lingua e do camiño
A vindeira fin de semana ponse en marcha a iniciativa “Convers-ando”, tres días na Mariña de Lugo para camiñar, parolar e establecer un debate arredor da lingua galega.