Co subtítulo “Os camiños de Santiago de Europa cara a Galicia. Lugares, nomes e patrimonio”, a Real Academia Galega organiza en setembro o Congreso Internacional de Toponimia no Camiño de Santiago, que conta ademais coa colaboración do do Instituto da Lingua Galega (ILG) e da Asociación Galega de Onomástica (AGOn).
O congreso, que terá lugar do 21 ao 23 de setembro na Facultade de Filoloxía da USC e cuxa matrícula é gratuíta, reunirá voces expertas de institucións académicas galegas, españolas e europeas. Un dos seus obxectivos é impulsar as novas investigacións sobre os nomes de lugar en Europa, a través dunha chamada á sistematización dos estudos científicos sobre a toponimia das distintas rutas xacobeas.
A primeira xornada do encontro centrarase no Camiño de Santiago en Galicia e arrincará coa conferencia do académico de número electo Gonzalo Navaza, profesor da Universidade de Vigo e membro do Seminario de Onomástica da RAG. Nesta sección inaugural participarán, entre outros expertos, Xosé Manuel Sánchez Rei, da Universidade da Coruña, cunha contribución sobre a toponimia menor de Sobrado na época medieval; e Paula Bouzas, profesora do departamento de Lingüística Románica da Universidade de Gotinga (Alemaña), que presentará o Tombo de Iria como fonte de información toponímica.
O Camiño de Santiago na Península Ibérica será o eixe das intervencións da segunda xornada, con achegas arredor da onomástica no Camiño na área catalano-valenciana, e en Aragón, Portugal ou Euskadi a cargo de especialistas como o catedrático da Universitat de València Emili Casanova; Javier Giralt, profesor da Universidad de Zaragoza; Carlos Rocha, investigador do Centro de Linguística da Universidade de Lisboa; Patxi Salaberri, académico de número de Euskaltzaindia e catedrático da UPNA; e Mikel Gorrotxategi, de Euskaltzaindia.
O programa do venres estará dedicado ao Camiño de Santiago en Europa, á cartografía e mais á historia medieval e contará con voces como as de Elena Papa e Alda Rossebastiano, da Università di Torino, e Pierre-Henry Billy, do Centre National de la Recherche Scientifique francés, con achegas sobre a toponimia xacobea na área subalpina e Francia; Marta Montilla, do Instituto Geográfico Nacional, que falará sobre os recursos xeográficos e dixitais do Camiño da institución á que pertence; Carlos Baliñas, cunha contribución sobre os usos sociais dos sobrenomes na Galicia altomedieval e a posible influencia no Camiño; José Carlos Sánchez Pardo, que falará sobre a relación entre os topónimos e o estudo histórico da paisaxe ao redor das rúas xacobeas en Galicia; e Irene García Losquiño, que ofrecerá unha ollada á pegada da migración viquinga na paisaxe arqueolóxica e na toponimia.
Programa completo e máis información no web do congreso.
Congreso Internacional de Toponimia no Camiño de Santiago
A Real Academia Galega, coa colaboración do Instituto da Lingua Galega e da Asociación Galega de Onomástica, organiza o Congreso Internacional de Toponimia no Camiño de Santiago, que terá lugar en Compostela os días 21, 22 e 23 de setembro de 2022. A matrícula é gratuíta.