Conéctate á comunidade e multiplícate!

Logo dunha grande expectación, presentouse a terceira edición de Youtubeir@s, o concurso organizado por SNL da Administración local e das tres universidades galegas para promover e visibilizar o uso do galego en Youtube. E chega cunha nova categoría, vídeo-cantarmos. Xa está aberto o período de inscrición de vídeos e canles até o 27 de setembro de 2019.

1.PARA QUE NACEU YOUTUBEIR@S?

Os premios Youtubeir@s teñen como obxectivo incentivar a creación e difusión de vídeos de opinión e videotitoriais en galego, así como a súa promoción e visibilización a través da Rede e o recoñecemento daqueles de maior enxeño e creatividade, calidade técnica, eficiencia comunicativa e calidade lingüística.

2.QUEN PODE PARTICIPAR?

Poden optar a estes premios todas as persoas maiores de 14 anos que queiran transmitir algún coñecemento e/ou opinar sobre algún tema de interese a través de vídeos autoproducidos subidos a YouTube de xeito independente ou nunha canle.

3.COMO DEBEN SER OS VÍDEOS E AS CANLES PARTICIPANTES?

Todos os vídeos participantes teñen que estar publicados con data posterior ao 15 de marzo de 2018 na plataforma de vídeos Youtube, sen restricións de privacidade e cos cancelos #youtubeiras #youtubeiros na descrición. Teñen que ter unha duración máxima de 5 minutos e estar integramente en galego.

No caso de presentar canles, ten que haber polo menos 5 vídeos realizados con data posterior ao 15 de marzo de 2018 e estar a maioría dos vídeos da canle en galego.

Están excluídos expresamente os traballos de índole comercial ou publicitaria e aqueles vídeos que promovan unha mensaxe violenta, denigrante ou ofensiva.

4.COMO ME INSCRIBO E CANDO?

O prazo para inscribir os vídeos e canles é do 13 de febreiro ao 27 de setembro de 2019 ás 23.59 h. A participación está aberta ao ámbito internacional e é gratuíta.

As persoas participantes deben inscribirse a través do formulario que figura no web. Cada autor ou autora pode inscribir tantos vídeos ou canles como desexe. No momento da inscrición debe escoller a categoría en que quere inscribirse.

5.QUE CATEGORÍAS HAI ESTE ANO?

Vídeo-facermos: vídeo que mostra saberes e procesos de elaboración a través dun titorial para que outra xente poida aprender.

Vídeo-opinarmos: exposición dunha opinión ou valoración arredor dun tema de interese e dun xeito argumentado.

Canle: poderase presentar a Youtubeir@s a canle propia con todos os seus vídeos. Nesta categoría valorarase a calidade na creación de contidos, a traxectoria, a constancia e a capacidade de repercusión (número de visualizacións, comentarios, interaccións…)

Vídeo-cantarmos: vídeo musical que abrangue versións, composicións orixinais, coreografías, ata parodias e adaptacións de temas independentes ou dos máis comerciais.

7. QUE É A #PROPOSTAYOUTUBEIRA?

Nesta terceira edición continúa a #propostayoutubeira. Nela, a través da rede social Facebook, calquera persoa pode propor os seus vídeos favoritos para que concorran a este premio.

O prazo para facer estas propostas como público é dende o 13 de febreiro ata o 27 de setembro de 2019 ás 23.59 h.

Con todas as propostas recibidas crearase un formulario de votación nas redes sociais de Youtubeir@s para que todo o mundo poida votar polos seus vídeos preferidos.

Esta votación realizarase do 1 ao 14 de outubro. Os cinco vídeos con máis votos pasarán ao xurado dos premios, que escollerá entre eles, seguindo os criterios das bases xerais, o Premio do Público #PropostaYoutubeira.

6.QUE PREMIOS PODO LEVAR?

Esta segunda edición de Youtubeir@s ten os seguintes premios:

– Premio ao mellor vídeo-facermos: 1.000 €

– Premio ao mellor vídeo-opinarmos: 1.000 €

– Premio á mellor canle: 1.000 €

– Premio ao mellor vídeo-cantarmos: 1.000 €

– Premio á creatividade: 500 €

– Premio á eficiencia comunicativa: 500 €

– Premio á calidade técnica: 500 €

– Premio á calidade lingüística: 500 €

– Premios do público #propostayoutubeira: 500 €

Cada persoa participante pode recibir máis dun premio e, se o xurado así o considera, pode haber premios declarados desertos ou compartidos. As contías serán únicas e estarán suxeitas ás retencións correspondentes conforme a normativa tributaria.

7. QUEN PROMOVE ESTA INICIATIVA?

Organizan Youtubeir@s os servizos de normalización lingüística dos concellos da Coruña, A Baña, Ames, Carballo, Cedeira, Moaña, O Grove, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Rianxo, Santiago de Compostela e Teo, a Unidade Técnica de Normalización Lingüística da Deputación Provincial de Coruña e os servizos de normalización lingüística das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.

Información completa no web Youtubeir@s.
VI PREMIOS MIL PRIMAVERAS

Premios 1000 Primaveras

En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)

Asociate na CTNL

A CTNL no Youtube

A CTNL no Youtube

Queremos galego!

kit para a normalización en rede

Kit para a normalización en rede

Scroll ao inicio