Coñece e colabora nos proxectos do Viveiro de propostas normalizadoras 2013

Despois da xuntanza do Viveiro de propostas normalizadoras que tivo lugar o 29 de maio, publicamos agora os nove proxectos presentados, para que todas as persoas interesadas en colaborar con algún deles poidan facelo, anotándose para iso ata o 14 de xuño

A xuntanza do Viveiro de propostas normaliadoras 2013 tivo lugar o día 29 de maio, e nela presentáronse varios proxectos. Publicamos agora as fichas dos proxectos presentados para que todas as persoas que queiran poidan anotarse para colaborar con algún(s) deles.

Para anotarte a colaborar na maduración e/ou desenvolvemento dalgún destes proxectos debes enviar un correo a viveiro@ctnl.org até o venres 14 de xuño cos datos básicos (nome e apelidos, quen es, enderezo-e e teléfono) e indicando en que proxecto(s) queres participar.

Despois desa data, desde a CTNL facilitarémoslle á persoa que propuxo cada proxecto os datos de todos/as interesados/as en colaborar nel e, a partir de aí, xa esa persoa contacta co grupo para iniciar o traballo, intercambio de ideas, maduración, etc.

As fichas conteñen a explicación da proposta, os obxectivos, destinatarios/as, necesidades, proposta de xestión, prazos, etc.

As PROPOSTAS son os seguintes:

Acompañar as netas e os netos en galego. Dálle o galego (.pdf 21 Kb)

-Persoa que fai a proposta: Begoña Caldas

-Breve descrición: Campaña de dinamización dirixida ás avoas e aos avós para que acompañen en galego as súas netas e netos.

Campaña de visibilización do uso do galego nos medios de comunicación (.pdf 24 Kb)

-Persoa que fai a proposta: CTNL

-Breve descrición: Acción na procura da visibilización do uso do galego nos medios de comunicación, procurando a participación e compromiso de persoas de diferentes ámbitos que saian habitualmente en prensa (do deporte, da política, da empresa, da cultura, etc., ben a nivel local, comarcal ou galego) e que pidan que o galego se visibilice nos medios galegos, cando menos utilizando esa lingua nas súas declaracións, entrevistas, etc.

Feiragal (.pdf 21 Kb)

-Persoa que fai a proposta: Xosé Ramón López Boullón

-Breve descrición: Desenvolver un día de feira con actividades, obradoiros, xogos, campañas en galego, uso de ferramentas e redes sociais en galego, uso do móbil en galego, actividades lúdicas, contacontos, monicreques…, de todo tipo -como se fose un mini Culturgal-, con charlas de sensibilización, nas principais cidades galegas para as familias e a mocidade máis desfavorable ao uso do galego.

Gastas pista? (.pdf 14 Kb)

-Persoa que fai a proposta: Sino Seco

-Breve descrición: Creación dun disco compilatorio ou lista de distribución de música en galego para pubs, con licenza Creative Commons, e difusión deste a través de eventos organizados, das redes sociais, etc.

Mellora da comunicación publicitaria en galego (.pdf 16 Kb)

-Persoa que fai a proposta: Tono Formoso

-Breve descrición: Consiste en analizar canda o sector profesional da comunicación publicitaria en Galicia as eivas no uso da lingua galega neste ámbito e buscar conxuntamente as formas para lle pór remedio.

Paquetes de divulgación e animación lingüística (.pdf 20 Kb)

-Persoa que fai a proposta: Soco García

-Breve descrición: Trataríase de que en equipo se preparase o contido dun elenco de charlas moi divulgativas que procuren animar aos seus destinatarios a usar o galego para despois ofrecelas, a través de entidades, ao seu público destinatario. A preparación do contido tería que ser moi coidada e enriquecida para facelo atractivo e transmitir moi ben a mensaxe (vídeos, imaxes, xogos…). Tamén tería que estar todo perfectamente escrito, descrito e previsto para que a charla puidese dala algunha persoa distinta das que a prepararon.

Premios a accións normalizadoras (.pdf 17 Kb)

-Persoa que fai a proposta: Manuel Bermúdez

-Breve descrición: Instauración dun premio a actividades (p.ex. campaña de reis) ou produtos concretos (p.ex. Buscatermos) realizados por SNL, ENDL, asociacións, colectivos asociados ao redor da causa da lingua, entidades, empresas, persoas, etc., que teñan como obxectivo principal a normalización da lingua galega.

Revista da ficción e fotografía galego-portuguesa (.pdf 22 Kb)

-Persoa que fai a proposta: Adrián Delgado

-Breve descrición: Proxecto de revista online dedicada principalmente a publicación de ficción curta, poesía e fotografía de autores/as nobeis en galego e portugués. Periodicamente contaría cunha edición en libro electrónico.

Web de recursos para o lecer e aulas (.pdf 13 Kb)

-Persoa que fai a proposta: Tono Formoso

-Breve descrición: Posta en funcionamento e mantemento dun espazo web que cree, xunte e difunda material cultural e ferramentas en liña para o traballo e o lecer na aula e na familia.
VI PREMIOS MIL PRIMAVERAS

Premios 1000 Primaveras

En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)

Asociate na CTNL

A CTNL no Youtube

A CTNL no Youtube

Queremos galego!

kit para a normalización en rede

Kit para a normalización en rede

Scroll ao inicio