Coincidindo co vixésimo aniversario da aprobación no Parlamento galego do Plan xeral de normalización da lingua galega (PXNLG), a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) desexa facer públicas as seguintes consideracións:
- O PXNLG supuxo no seu momento un fito que facía realidade unha vella arela que debía dar paso a unha planificación lingüística que redundase na ampliación de usos e mellora do prestixio da lingua galega. Porén, 20 anos despois resulta evidente que os seus cinco obxectivos xerais continúan sendo plenamente válidos ou, dito noutras palabras, continúan sendo iso mesmo: obxectivos. Isto é, aquilo que se ‘persegue ou se desexa conseguir’ (por utilizarmos a definición académica); aquilo que está lonxe de ser realidade. Hai tanto por facer que mesmo non é ousado afirmar que o documento aprobado en 2004, con pequenos axustes e actualizacións que atendan ás mudanzas e transformacións sociais acontecidas nestas dúas décadas (auxe das redes sociais e irrupción da intelixencia artificial, maior poboación inmigrante etc.), continúa a ter plena validez hoxe mesmo.
- A pesar do seu grao de concreción, desde hai tempo o PXNLG semella atoparse nunha vía morta. Desbotado como folla de ruta e sen ningún desenvolvemento normativo en prol da causa (senón todo o contrario), custa ver na política lingüística emanada desde o Goberno galego unha orientación clara, que obedeza á consecución de obxectivos específicos e que transcenda do ámbito estritamente cultural ou libresco. E non só iso, senón que mesmo non faltan exemplos de mensaxes que problematizan a lingua galega ou que parecen diluír o deber e a responsabilidade dos poderes públicos para a súa normalización e delegar esta na poboación (a oferta positiva da administración, da que se fala no PXLNG, transmutada na demanda reactiva do/a administrado/a).
- A aplicación dun documento como o PXNLG esixe, alén da vontade política, de recursos materiais e persoais. Porén, a súa aprobación non supuxo un aumento do orzamento para a política lingüística nin un incremento do persoal técnico para poder despregalo no conxunto da administración galega.
- A planificación cativeira destas dúas décadas foi seguida por unha avaliación nas mesmas proporcións, mais todos os indicadores estatísticos recadados son inequívocos en sinalar o descenso no uso da lingua e a alarmante quebra da súa transmisión interxeracional. No mesmo sentido, todos os informes e pronunciamentos de instancias −galegas e non galegas− a respecto deste período inciden no equivocado e pernicioso camiño trazado (sen ir máis lonxe, o recente informe de avaliación do Comité de Expertos da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias do Consello de Europa).
Por todo o anterior, desde a CTNL entendemos que a “posibilidade de vivir en galego a quen así o desexe” (obxectivo número 1 do PXNLG) con total normalidade non é hoxe máis real nin máis factible do que o era hai 20 anos. Un tempo en que a lingua galega, grazas ao talento de artistas de moi diferentes ámbitos (cinema, música, literatura…), está a acadar unha proxección e un recoñecemento xamais vistos non está a ser acompañado por unha política lingüística que estea á altura, máis ambiciosa e planificada e cuxo fin sexa “conseguir para a lingua galega máis funcións sociais e máis espazos de uso” (obxectivo xeral número 2 do PXNLG). Avogamos, en definitiva, por que o peso adquirido na nova estrutura da Xunta de Galicia non fique só nunha cuestión denominativa e por non demorar máis un cambio de rumbo que necesariamente ha de pasar pola recuperación do consenso, a eliminación de toda medida antinormalizadora e a apertura dunha nova etapa.