A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), que ten como fins, entre outros, o de promover o uso e prestixio da nosa lingua en todos os ámbitos da sociedade galega e elaborar propostas para facer máis efectivo o traballo a prol da normalización lingüística, desexa lembrar e facer públicas unha serie de consideracións verbo da instrución ditada recentemente polo Concello de Ferrol co obxectivo de axilizar a actuación administrativa da entidade.
A CTNL lamenta que se redacte unha instrución contraria ao espírito e á literalidade da ordenanza de normalización lingüística e da lexislación autonómica de promoción da lingua e que, en última instancia, se transmita a mensaxe de a lingua galega ser a causante dunha suposta falta de axilidade administrativa.
Manifesta a súa preocupación de que se estea a aludir constantemente a uns labores de “tradución ao galego” que non só entran en contradición con moitos dos artigos da ordenanza de normalización lingüística, senón que contribúen a perpetuar o papel secundario da lingua galega e constitúen o primeiro paso para lle apor todo tipo de prexuízos, neste caso relacionados co bo funcionamento das administracións que todas e todos desexan.
Desde a CTNL valórase positivamente a rápida reacción do goberno local de rectificar a decisión tomada e que se establezan canles de colaboración entre administracións; mais a verdade é que, a día de hoxe, esta instrución segue vixente xa que non consta que fose modificada.
E por último, recoméndase que en todas aquelas decisións internas que tome unha administración que teñan a ver coa xestión ou tratamento das linguas se teña en conta obviamente a lexislación e normativa vixentes, así como o criterio técnico do persoal, neste caso, do servizo de normalización lingüística, co fin de atopar a solución máis acaída e axustada a dereito para cada momento.