Compromiso co galego do tecido asociativo de Zas

Distintas asociacións de Zas asinaron un convenio co Concello mediante o que se comprometen a utilizar a lingua galega nas súas actividades cotiás, na documentación interna, nas programacións, anuncios de actividades, etc., e a difundir as actividades relacionadas coa lingua galega que organice o SNL de Zas

O Concello de Zas, a través do Servizo de Normalización Lingüística (SNL) asinou uns convenios con distintas asociacións culturais e deportivas do municipio co fin de normalizar o uso da lingua galega no tecido asociativo.

As asociacións asinantes comprométense a utilizar a lingua galega nas súas actividades cotiás, nas actas, convocatorias, ordes do día e demais documentación interna, nas programacións, anuncios de actividades, etc., e a difundir entre os seus asociados e asociadas as actividades relacionadas coa lingua galega que organice o Concello de Zas.

O Concello de Zas, pola súa banda, comprométese a asesorar en materia lingüística a asociación, a elaborar un estudo sobre as súas necesidades lingüísticas e a fornecer as entidades dos materiais necesarios para que desenvolvan as súas actividades en lingua galega.

Polo momento asinaron o devandito convenio a ANPA e amigos do colexio público de Baio, a asociación Equus amigos do cabalo, a asociación veciñal A Fonte de Fornelos, a asociación de mulleres rurais Saaz, a asociación cultural-teatral Badius, a asociación de pesca deportiva Río-Mar, a ANPA da Galescola de Zas, a asociación deportiva Su a agra, a asociación de baile tradicional Churía, a AMC Xan Mella, a asociación cultural Castro Meda e o Sporting Zas, que contan, en conxunto, con máis de 2.000 socios e socias e estano estudando as directivas doutras asociacións do municipio.

Esta experiencia será presentada o vindeiro mércores 20 de outubro no marco do IV Encontro de política lingüística para as administracións locais da Coruña que se desenvolverá en Carballo, organizado pola Deputación da Coruña e a CTNL.
VI PREMIOS MIL PRIMAVERAS

Premios 1000 Primaveras

En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)

Asociate na CTNL

A CTNL no Youtube

A CTNL no Youtube

Queremos galego!

kit para a normalización en rede

Kit para a normalización en rede

Scroll ao inicio