Compartindo esperanzas

OPINIÓN: por Iván Méndez López

Nun lugar privilexiado da casa, teño unha figura que gardo como un gran tesouro polo emotivo e, sobre todo, pola forza da súa lenda, unha pequena placa no pé de madeira: "A loita nobre e leal das ideas é o que asegura o progreso". A cita non podía ser doutro que de Castelao.

Moito ten mudado a vida desde que Castelao escribiu isto no seu Sempre en Galiza, e non para ben. Cómprenos moita loita nobre e moita loita leal de ideas. E niso, moitos de nós estamos e ninguén sobra.

Con todo, calquera loita, por leal e por nobre que for, ben pode ficar en nada e mesmo conseguir o efecto contrario se non se expresar axeitadamente. É necesario, moito, o fondo, mais tamén é necesaria, e moito, a forma. Máis nun momento como actual en que están a cambiar, diante de nós, o xeito en que nos comunicamos, en que expresamos e mesmo en que vivimos.

Sen fondo, a nosa loita estaría baleira. Sen forma, a nosa loita non chegaría a ninguén ou só aos que compartimos o desexo e a esperanza na nosa empresa. Aí é onde temos que traballar: procurar novos compañeiros de viaxe, máis persoas a se unir ao noso sentimento. E teño a sensación de que non sempre estamos a ir cara á montaña e tampouco somos Mahoma para que ela veña a nós.

Cómpre chegarmos ao corazón da xente e aí non chegamos só con termos a razón da nosa parte. A verdade, por desgraza, non nos fai libres senón que, para liberar, precisa ser entendida, comprendida, intelectualizada e, sobre todo, compartida. Eis o noso obxectivo: que máis xente comparta a nosa razón. E para iso non abonda con mensaxes baleiras, nin lemas repetidos unha outra vez nin chamadas á acción. Estes perderon o seu sentido, ficaron neutralizados e se antes non o conseguiron, lograrano agora?

Para o galego precisamos moitos voares con esperanza e moitos corazóns xuntos. E aí é onde nos temos que mover.




Iván Méndez López é traballador de normalización lingüística e membro da directiva da CTNL [+info]

-Facebook: www.facebook.com/ivan.mendez.lopez

-Twitter: @eche_o_que_hai

-Blog: http://eche.blogaliza.org
VI PREMIOS MIL PRIMAVERAS

Premios 1000 Primaveras

En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)

Asociate na CTNL

A CTNL no Youtube

A CTNL no Youtube

Queremos galego!

kit para a normalización en rede

Kit para a normalización en rede

Scroll ao inicio