Comeza en Carballo o Curso de verán sobre novas tecnoloxías e dinamización lingüística

Do martes 15 ao xoves 17 de xullo terá lugar no Pazo da Cultura de Carballo o Curso de verán «Traballando en Lingua», Novas Tecnoloxías e Dinamización Lingüística, organizado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña en colaboración co Concello de Carballo, a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua e a Deputación da Coruña.

Ao longo de tres días polo Pazo da Cultura de Carballo pasarán numerosos expertos en novas tecnoloxías e dinamización lingüística para participar no curso «Traballando en lingua», no que se traballarán temas como a alfabetización tecnolóxica e o alcance das TIC en Galiza, as oportunidades que ofrece o software libre, os espazos e recursos para o galego na rede, as tecnoloxías lingüísticas, as ferramentas de enxeñerías lingüística, o software en galego para o mundo da empresa, os contidos dixitais, etc.

No curso participarán 60 alumnos e alumnas e por el pasarán como relatores/as máis de 20 expertos/as de Cataluña, Estremadura e Galiza.

Na conferencia inaugural, o martes 15 ás 11.00 h, participará o delegado provincial da Coruña da Consellaría de Innovación e Industria, Xosé Luís Barcia, xunto con Antonio Pérez Casas, que falarán da alfabetización tecnolóxica e o alcance das TIC en Galiza. A continuación, o coordinador do Plan de alfabetización tecnolóxica e software libre de Estremadura, Rubén Mancera, falará sobre as bases de alfabetización tecnolóxica e o achegamento á realidade cultural. O mesmo martes, xa pola tarde, diversos expertos galegos centraranse nas oportunidades que ofrece o software libre, e tamén se presentarán espazos e recursos para o galego na rede.

O mércores 16 a profesora da Universidade de Barcelona Toni Martí centrará a súa sesión nas tecnoloxías lingüísticas para o galego, e José Ramón Pichel fará unha aproximación ás ferramentas de enxeñería lingüística para a naturalización do idioma galego. Pola tarde presentarase o software libre como porta aberta para a normalización.

O xoves 17 o director de Culturagalega.org, Manuel Gago, formará aos/ás participantes no curso en contidos dixitais en galego, e presentaranse ademais recursos culturais e pedagóxicos en rede por parte de Xoán Costa, Henrique Quintáns, Manuel Bragado e Camilo Regueiro. As sesións formativas serán pechadas por Xavier Gómez Guinovart, que falará sobre as tecnoloxías da linguaxe na normalización e dinamización lingüística.

Para rematar, o director, os actores e a actriz protagonista de Pradolongo presentarán este filme, que se proxectará a partir das 22.30 h na Praza do Concello de Carballo.
VI PREMIOS MIL PRIMAVERAS

Premios 1000 Primaveras

En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)

Asociate na CTNL

A CTNL no Youtube

A CTNL no Youtube

Queremos galego!

kit para a normalización en rede

Kit para a normalización en rede

Scroll ao inicio