QUE É YOUTUBEIR@S?
– É un concurso de vídeos en galego para Youtube.
– É tamén aprendizaxe, pois inclúe formación específica de videocreación que organizarán os servizos de normalización lingüística que promoven este proxecto.
QUE MODALIDADES HAI NO CONCURSO?
Existen dúas modalidades:
– Vídeo-facermos: para videotitoriais onde explicar saberes e procesos de elaboración (receitas, instalación de programas informáticos, traballos manuais, etc.)
– Vídeo-opinarmos: para contar a opinións e valoracións sobre calquera tema (libros, filmes, ou outras obras de creación, problemas de actualidade…)
HAI MÁIS REQUISITOS?
Hai, son os seguintes:
– Cómpre ter máis de 14 anos para inscribir un vídeo.
– Os vídeos debe ter unha duración máxima de 5 minutos.
– Os vídeos deben estar baixo licenzas Creative Commons.
– Os vídeos deben estar en galego, xaora!
– O contido dos vídeos non pode ser comercial nin publicitario nin promover mensaxes violentas, denigrantes ou ofensivas.
XA ME ESTOU A ANIMAR… CAL É O PRAZO? COMO INSCRIBO O MEU VÍDEO?
– O prazo para inscribir os vídeos é do 1 de decembro de 2016 até o 28 de abril de 2017.
– Para inscribir o vídeo ou vídeos, só cómpre subilos á canle Youtube e anotar os datos no web de Youtubeir@s, na pestana Inscríbete. Cada autor ou autora pode inscribir tantos vídeos como desexe.
SE GAÑO…, QUE PREMIOS PODO LEVAR?
Haberá un premio por cada categoría e catro mencións honoríficas:
– Categoría vídeo-facermos: 1.000 €
– Categoría vídeo-opinarmos: 1.000 €
– Mención á creatividade: 500 €
– Mención á eficiencia comunicativa: 500 €
– Mención á calidade técnica: 500 €
– Mención á calidade lingüística: 500 €
E SE NON SEI FACER VÍDEOS…
O proxecto Youtubeir@s tamén ofrece formación: obradoiros de videocreación que se desenvolverán no primeiro trimestre do ano 2017.
Estas actividades formativas serán organizadas polos servizos de normalización lingüística dos concellos e das universidades que promoven este proxecto.
QUEN PROMOVE ESTA INICIATIVA?
A idea de Youtubeir@s xurdiu en 2015, no marco do IX Curso de verán de dinamización lingüística “Traballando en lingua”, organizado pola Universidade da Coruña en colaboración coa CTNL e a SXPL e dedicado á mocidade.
E agora desenvólveno os servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, A Coruña, Ames, Carballo, Mazaricos, O Grove, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago de Compostela e Teo e os servizos de normalización lingüística das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, tras un ano de traballo colaborativo entre as catorce institucións.
Bases do concurso e información completa sobre este proxecto no web Youtubeir@s.
Chega Youtubeir@s, o novo proxecto colaborativo dos SNL
Youtubeir@s ten como principal obxectivo incrementar a presenza da nosa lingua na rede Youtube. É unha iniciativa dirixida a maiores de 14 anos e está organizada polos servizos de normalización lingüística de once concellos e das tres universidades galegas. Inclúe un concurso de vídeos e formación específica de videocreación.