Chega a décimo quinta edición do Premio Luísa Villalta a Iniciativas Normalizadoras

Os SNL das tres universidades galegas, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, convocan o XV Premio Luísa Villalta a Iniciativas Normalizadoras, para premiar ideas e campañas para fomentar o uso do galego no ámbito universitario. Prazo: até as 14.00 h do 25 de outubro de 2018



O XV Premio Luísa Villalta a Iniciativas Normalizadoras está convocado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e a Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística. Nel pode participar calquera membro da tres universidades, ben individualmente, ben en grupo.

MODALIDADES

O premio conta con dúas modalidades:

Campaña normalizadora: deseño dunha campaña que desenvolva unha iniciativa orixinal e que teña como obxectivo fomentar o uso do galego no ámbito universitario. A proposta deberá conter un punto de partida, os obxectivos que se perseguen, a metodoloxía que se vai empregar, as actividades que se pretenden desenvolver, a planificación temporal, as persoas implicadas e as que implica e a estimación orzamentaria para o seu desenvolvemento. Esta modalidade está dotada dun premio de 1200 euros.

Idea para a promoción do galego: idea que explique razoadamente unha proposta cuxo obxectivo sexa fomentar o uso do galego no ámbito universitario. Constará obrigatoriamente dun pequeno informe razoado sobre a idea, a súa motivación, os seus obxectivos e a súa incidencia social. Poderá acrecentarse ese informe con calquera material ou soporte que complemente, reforce ou desenvolva a iniciativa. Esta modalidade premiarase con 800 euros.

PARTICIPANTES

O concurso está dirixido a todos os membros da comunidade universitaria galega (Universidade da Coruña, Universidade de Santiago de Compostela e Universidade de Vigo), así como aos seus respectivos centros adscritos.

Poderanse presentar todas aquelas persoas que o desexaren de xeito individual ou en grupos. Coa constitución de equipos preténdese favorecer a participación dos colectivos que teñen entre os seus obxectivos pular pola normalización do galego, como as comisións de normalización lingüística, as asociacións estudantís, etc.

PRAZO

Para a presentación de proxectos hai de prazo até o 25 de outubro de 2018 (ás 14.00 h).

Bases e información completa, en .pdf, aquí.
VI PREMIOS MIL PRIMAVERAS

Premios 1000 Primaveras

En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)

Asociate na CTNL

A CTNL no Youtube

A CTNL no Youtube

Queremos galego!

kit para a normalización en rede

Kit para a normalización en rede

Scroll ao inicio