O Club de Debate é unha actividade que, nos últimos anos, xa viñan desenvolvendo por separado os concellos de Pontevedra e da Coruña mais, este ano, na procura da ampliación territorial, da necesaria colaboración e coordinación administrativa para o fomento da lingua e da optimización de recursos, desenvolverase conxuntamente entre 12 concellos, a través do traballo conxunto e coordinado dos seus servizos de normalización lingüística (SNL): Ames, Betanzos, Carballo, Carral, Ferrol, Oleiros, As Pontes, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela, Teo e Vigo.
O obxectivo principal desta actividade é favorecer o emprego do galego na mocidade en contextos formais, incentivar o pensamento crítico e o intercambio de opinións e afondar na fluidez comunicativa.
Despois das respectivas fases comarcais do Club de debate, catro equipos son os que disputarán a final galega, que terá lugar o sábado 28 de abril, a partir das 10.00 h, no Pazo da Cultura de Pontevedra:
-IES de Ponte Caldelas, gañador da comarca de Pontevedra
-IES Castelao, gañador da comarca de Vigo
-CPI Monte Caxado (As Pontes), gañador da comarca de Ferrolterra
-CPI dos Dices (Rois), gañador da comarca de Compostela
Esta fase final constará de 4 debates e unha final.
10.00 h – 1.º debate: IES de Ponte Caldelas – CPI dos Dices, Rois
11.00 h – 2.º debate: CPI Monte Caxado das Pontes – IES Castelao, de Vigo
12.30 h – 3.º debate: IES de Ponte Caldelas – IES Castelao, de Vigo
13.30 h – 4.º debate: CPI dos Dices, Rois – CPI Monte Caxado das Pontes
16.30 h – FINAL, co debate entre os dous equipos mellor puntuados nos debates anteriores
O equipo gañador será agasallado cunha viaxe cultural para 25 persoas valorada en 5.000 euros.
O tema desta final galega será “Os usos das novas tecnoloxías favorecen as relacións sociais”, e aos equipos corresponderalles defender a postura a favor ou en contra deste tema. O xurado estará formado por Susana Pedreira (xornalista de Onda Cero), Paula Soto (técnica de normalización lingüística de Moaña), Anabel Alonso (escritora e bibliotecaria), Xiao Somoza (profesor e músico) e Nel Vidal (técnico de normalización lingüística de Carballo e presidente da CTNL).
Aos debates poden asistir como público todas as persoas interesadas.
Centros de Ponte Caldelas, Vigo, As Pontes e Rois, na final galega este sábado 28 do Club de debate organizado polos SNL
Este sábado 28 de abril o Pazo da Cultura de Pontevedra acolle a final galega do Club de debate, unha actividade conxunta organizada a través dos servizos de normalización lingüística (SNL) de 12 concellos e que se estivo desenvolvendo nos últimos meses. A esta final chegan catro equipos de centros de ensino de Ponte Caldelas, Vigo, As Pontes e Rois