Este novo programa de entretemento lingüístico, presentado por Matías Tarrío e dirixido por Luz Méndez, é un espazo familiar que intenta demostrar que a lingua pode ser empregada en todas as circunstancias e para falar de calquera cousa, seria ou divertida, social ou familiar, científica ou popular. Así, en cada entrega, Cazador de palabras escollerá un tema e viaxará a través del coa intención de recoller palabras moi usuais ou pouco coñecidas, diferentes segundo as zonas dialectais e curiosas pola súa historia e evolución. Sempre coa complicidade dos/as propios/as falantes e de especialistas, xa que serán eles/as os/as que exemplifiquen o uso que fan de determinadas palabras a través das súas prácticas cotiás.
En cada capítulo, o programa sairá á caza de palabras relacionadas cun determinado tema: o deporte, os oficios, a música, o mar…, para analizar o léxico a través de diversas seccións. En De onde veñen sendo?, o apartado que abre o programa, o espectador debe adiviñar a procedencia de dúas persoas que falan sobre un determinado tema, situándoas sobre un mapa de Galiza que posúe tres puntos ben diferenciados lingüisticamente.
A historia da lingua tamén terá un oco xa que, en Grandes momentos do galego, Cazador de palabras rememorará os feitos máis significativos da historia do galego coa axuda de imaxes e documentación; Etimoloxía, que recolle palabras de orixe etimolóxica curiosa e divertida, e Recitados e trabalinguas, en que unha persoa coñecida para o público recita un trabalinguas ou un poema infantil da tradición oral galega, serán as seccións que pechen un espazo que terá unha duración aproximada de media hora.
O primeiro dos capítulos, dedicado ao deporte, pode verse xa na televisión á carta da TVG.
Cazador de palabras quere amosar o lado máis curioso e divertido da lingua na TVG
O novo docushow divulgativo da televisión pública emítese os xoves ás 21.45 h co obxectivo de transmitirlles aos/ás espectadores/as a emoción das palabras, o seu lado entretido e curioso e os aspectos máis divertidos da lingua.