Carballo convoca o Premio a artigos xornalísticos sobre lingua, que chega á súa décimo primeira edición

O obxectivo deste Premio é incentivar a reflexión sobre a situación do galego. Outórgase un premio de 1.000 euros e a difusión do artigo gañador nos nove medios colaboradores. O prazo de admisión de artigos inéditos está aberto até o 15 de abril de 2015

O Concello de Carballo, desde o seu Servizo de Normalización Lingüística (SNL) e en colaboración con diversos medios de comunicación escrita, convoca a décimo primeira edición do Premio a artigos xornalísticos normalizadores, un certame que ten como obxectivos promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega, crear espazos nos xornais para analizar e fomentar o uso e prestixio do idioma galego e promover o seu uso na prensa.

Calquera persoa que teña algo que dicir con respecto á lingua pode presentarse a este certame. Para iso debe escribir un artigo de entre 1.800 e 3.300 caracteres con espazos incluídos e entregalo ou envialo ao Pazo da Cultura de Carballo ata o 15 de abril de 2015. Nese artigo pode falar sobre a situación sociolingüística do noso país, o fomento da lingua galega, o seu estatus, o argumentario a prol do uso do galego, a lexislación e os dereitos lingüísticos, experiencias sociolingüísticas concretas, propostas para o impulso do uso e prestixio social do galego, experiencias útiles ou favorables para a dinamización da lingua, política lingüística en xeral ou nalgún ámbito ou situación determinada, etc.

Outorgarase un premio económico ao artigo gañador, dotado con 1.000 euros, ademais da difusión nos diversos medios de comunicación colaboradores coa iniciativa: Diario de Bergantiños, El Correo Gallego, Galicia Confidencial, La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia, Praza Pública, Que pasa na Costa, Sermos Galiza e Tempos Novos.

En edicións anteriores foron premiados/as autores/as como Xurxo Carballido, Olga Patiño, Ana Barreiro, Ramón Vilar Landeira, Miguel Mosquera, Séchu Sende, Kiko Novoa, Xesús Fraga, Pilar García Negro, Marica Campo, Marcos Abalde, Carlos Callón, Mariña Pérez Rei ou José Casás. Todos os artigos premiados tiveron unha gran repercusión, xa que foron publicados e difundidos por todos os medios colaboradores cada ano.

As bases completas, en .pdf, poden consultarse a través do web do Concello de Carballo, aquí >
VI PREMIOS MIL PRIMAVERAS

Premios 1000 Primaveras

En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)

Asociate na CTNL

A CTNL no Youtube

A CTNL no Youtube

Queremos galego!

kit para a normalización en rede

Kit para a normalización en rede

Scroll ao inicio