Para participar neste certame, que cumpre xa a súa cuarta edición, os temas teñen que ser orixinais, a letra debe estar en galego e teñen que ter as características típicas dunha canción do verán. Haberanse de mandar en formato MP3 aos enderezos electrónicos apologhit@vieiros.com e apologhit@crtvg.es, ou ben en formato físico por correo tradicional a Extrarradio, Radio Galega, San Marcos, 15820 Santiago de Compostela e mais a Vieiros, Rúa do Pombal, 43, soto, 15705 Santiago de Compostela.
Os arquivos ou discos terán que ir acompañados dos datos dos participantes, un breve texto descritivo, a letra da canción e fotografías da banda ou solista. Nas próximas semanas publicaranse as bases desta edición de A Polo Ghit, activarase a web do concurso e comezarán a publicarse nela e a soar no programa Extrarradio da Radio Galega as primeiras candidaturas recibidas.
No web de Vieiros podes achar tamén información dos concursos anteriores e mesmo descargar de balde os temas presentados.
Bota a andar o A Polo Ghit
Este sábado abriuse o prazo para recibir candidaturas para a cuarta edición de A Polo Ghit, o concurso que procura a canción galega do verán. Os grupos e solistas que queiran participar no concurso organizado por Vieiros e a Radio Galega poden enviar as súas cancións aos dous medios.