O Concello de Carballo publica no Boletín Oficial da Provincia da Coruña do 27 de agosto de 2021 as bases específicas para a cobertura como funcionario/a de carreira dunha praza de técnico/a de normalización lingüística, incluída na oferta de emprego público do ano 2019.
A convocatoria réxese polas bases específicas publicadas hoxe e, naquilo que non fose modificado por normativa posterior, tamén polas bases xerais segunda a décimo sexta publicadas no BOP do 5 de xaneiro de 2011.
OBXECTO DA CONVOCATORIA
Convócase unha praza de funcionario/a de carreira da escala de Administración especial, subescala técnica, clase de técnicos/as superiores, denominada técnico/a de normalización lingüística (grupo A1, nivel de complemento de destino 22).
As funcións da praza veñen establecidas nas bases especificas de acordo coa Ordenanza para o impulso social da lingua galega no Concello de Carballo aprobada polo Pleno Municipal, en sesión ordinaria celebrada o 30 de setembro de 2013.
REQUISITOS DAS PERSOAS ASPIRANTES
Alén dos establecidos na base terceira das bases xerais, os requisitos de titulación son: licenciatura en Filoloxía Galego-Portuguesa, Filoloxía Galega ou Filoloxía Hispánica (subsección Galego-Portugués) ou grao en Lingua Galega; ou tamén titulación en calquera outra licenciatura/grao pertencentes á área de Humanidades ou de Ciencias Xurídicas e Sociais, sempre que se dispoña do Celga 5.
PROCEDEMENTO DE SELECCIÓN
O sistema de selección será o concurso-oposición libre.
FASE DE CONCURSO
A puntuación máxima posible desta fase é de 40 puntos. Valoraranse os seguintes méritos:
– Experiencia profesional en postos de traballo relacionados co obxecto da convocatoria: ata un máximo de 18 puntos, con valoración diferenciada se a experiencia corresponde á Administración local ou a outras administracións públicas ou entidades públicas ou privadas
– Formación relacionada co posto de traballo: ata 10 puntos.
– Docencia de cursos de lingua galega: ata 3 puntos.
– Publicacións e creación de materiais relacionados coa lingua galega: ata 4 puntos.
– Participación en proxectos de investigación relacionados coa lingua galega: ata 5 puntos.
Esta fase non terá carácter eliminatorio.
FASE DE OPOSICIÓN
A totalidade desta fase terá unha cualificación máxima global de 80 puntos, e consistirá na realización de tres probas obrigatorias e eliminatorias:
– Primeiro exercicio: consistirá nun exame tipo test sobre a parte xeral do temario. Incluirá 50 preguntas e 5 de reserva para responder en 60 minutos. A puntuación máxima desta proba é de 25 puntos.
– Segundo exercicio: consistirá en desenvolver por escrito dous temas da parte específica do temario. Os temas escolleranse entre tres extraídos por sorteo e a duración da proba será de tres horas. A puntuación máxima desta proba é de 20 puntos.
– Terceiro exercico: consistirá en realizar un suposto práctico. A puntuación máxima desta proba é de 35 puntos.
O temario, de 30 temas na parte xeral e 60 na parte específica, figura como anexo das bases específicas.
PRESENTACIÓN DE INSTANCIAS
As solicitudes para participar neste proceso selectivo presentaranse no Rexistro Xeral do Concello de Carballo ou ben mediante o procedemento que regula o artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Se, consonte o devandito precepto, se presentan a través das oficinas de Correos, deberá aparecer o selo de certificado no sobre exterior e na propia solicitude.
DEREITOS DE EXAME
O dereitos de exame establécense en 24,00 €.
PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES
Será de 20 días naturais, que se contarán a partir do seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial del Estado (BOE). Este anuncio publicouse no BOE do 28 de setembro de 2021, polo que o prazo para presentar solicitudes está aberto do 29 de setembro ao 18 de outubro de 2021.
Información completa:
– Oferta pública de emprego, en .pdf (BOP do 27 de marzo de 2019)
– Bases xerais, en .pdf (BOP do 5 de xaneiro de 2011)
– Bases específicas, en .pdf (BOP do 27 de agosto de 2021)
– Anuncio da convocatoria no BOE, en .pdf (BOE do 28 de setembro de 2021)
Información no web do Concello de Carballo aquí.
Bases específicas dunha praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Carballo
O Concello de Carballo publica no BOP de hoxe as bases específicas para a cobertura como funcionario/a de carreira dunha praza de técnico/a de normalización lingüística. O prazo para presentar solicitudes será de 20 días naturais logo da publicación da convocatoria no BOE do 28 de setembro de 2021.