A Deputación Provincial da Coruña anunciou no BOP do 14 de outubro de 2025 as bases do programa de axudas para concellos e outras entidades locais para financiar gastos de persoal técnico de normalización lingüística en 2026.
O obxecto do programa é contribuír ao financiamento do persoal técnico de normalización lingüística. Subvencionaranse os postos de traballo que estean desempeñados por persoal funcionario ou laboral fixo ou temporal con relacións de emprego que se axusten á lexislación vixente.
Entidades destinatarias das axudas
Poderán solicitar esta subvención concellos da provincia da Coruña de 5.000 ou máis habitantes ou agrupacións de concellos, mancomunidades e outras entidades locais que, entre eles, cheguen ao mesmo número mínimo de habitantes.
No caso dos municipios sometidos ao réxime de organización de municipios de gran poboación de conformidade co título X da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, só poderán ter a condición de beneficiarios os municipios que teñan máis dunha persoa técnica de normalización lingüística cun posto de traballo recollido na relación de postos de traballo ou instrumento de ordenación de persoal que corresponda.
Só se pode presentar unha solicitude por concello, entidade ou, de ser o caso, agrupacións de concellos. É incompatible para cada un dos concellos facer solicitudes a nivel individual e, ao mesmo tempo, de forma agrupada. O incumprimento desta condición será motivo de exclusión.
Importe das axudas
As axudas servirán para financiar as retribucións do persoal técnico dos servizos de normalización lingüística (SNL).
O importe total do crédito consignado (540.000 euros) distribuirase entre as entidades beneficiarias, que recibirán unha cantidade máxima de 20.000 euros se a contratación se produce durante todo ano e a xornada completa. O importe reducirase en proporción á xornada desenvolvida polo persoal.
Postos de traballo subvencionados
O persoal financiado con base nesta convocatoria centrarase no desenvolvemento de políticas de normalización lingüística, polo que quedan excluídas das posibles liñas de traballo outras actividades cando non correspondan cos obxectivos da convocatoria. No caso de ter asignadas funcións diversas, o financiamento será minorado na porcentaxe correspondente da dedicación ás tarefas subvencionadas.
O persoal financiado a través deste programa está obrigado a realizar as actividades de formación que puida programar a Área de Lingua da Deputación.
Solicitudes e prazos
A forma e prazo das solicitudes regúlanse na Ordenanza xeral de subvencións e transferencias da Deputación da Coruña, publicada no BOP do 29 de setembro de 2025.
Esta ordenanza recolle a presentación na sede electrónica da Deputación da Coruña: SUBTeL e a remisión da convocatoria á Base de Datos Nacional de Subvencións para efectos de publicidade.
De acordo co extracto da convocatoria publicado no BOP do 20 de outubro, o prazo de presentación de solicitudes comeza ás 08:00 horas do día 21 de outubro de 2025 e finalizará ás 14:00 horas do 21 de novembro de 2025.
Así mesmo, na base 9.1 especifícase o prazo de xustificación das subvencións unha vez concedidas: do 1 de xaneiro até as 14:00 horas do 31 de marzo de 2027.
Principal información
- Período da subvención: do 1 de xaneiro ao 31 de decembro de 2026
- Solicitantes: entidades locais que individualmente ou agrupadas cheguen a 5000 ou máis habitantes.
- Prazo de solicitudes: do 21 de outubro ás 14 h do 21 de novembro.
- Importe do programa: 540.000 euros
- Importe de subvención por solicitude: un 80% cun máximo de 20.000 euros
- Prazo de xustificación das axudas: do 1 de xaneiro ao 31 de marzo de 2027, ás 14:00h
Información máis detallada
- Bases reguladoras desta convocatoria, en .pdf (BOP do 14 de outubro de 2025)
- Extracto, en .pdf (BOP do 20 de outubro de 2025)




