No encontro analizarase a responsabilidade das administracións locais na promoción social do uso e prestixio do galego, a creación, impulso e coordinación de servizos de normalización lingüística, a elaboración de ordenanzas locais de impulso á normalización e experiencias de accións conxuntas.
Arredor de 75 persoas, entre alcaldes e alcaldesas, concelleiros e concelleiras de política lingüística e técnicos/as de normalización lingüística en representación de 40 concellos da Coruña reuniranse o mércores 28 de novembro no Pazo de Mariñán (Bergondo) para participar no I Encontro de política lingüística desde as administración locais da Coruña, unha xuntanza organizada pola Deputación da Coruña desde a Unidade Técnica de Normalización Lingüística en colaboración coa Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL).
Os obxectivos principais deste encontro son pór en contacto os/as distintos/as responsábeis políticos/as e técnicos/as das administracións locais para compartir experiencias e analizar posibilidades de accións conxuntas, debater e analizar a responsabilidade, as necesidades e as posibilidades das administracións locais na normalización social do uso do galego e deseñar conxuntamente liñas xerais de colaboración e pautas de coordinación e creación de rede entre as distintas administracións.
Na inauguración, ás 10.30 h, participará o presidente da Comisión de Benestar Social, Políticas de Igualdade de Xénero e Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, o nacionalista Xoán Manuel Sande, xunto co presidente da CTNL, Nel Vidal Barral. A partir das 11.00 h os alcaldes de Carballo, Fene e Outes, o nacionalista Evencio Ferrero, o socialista Iván Puentes e o popular Carlos López Crespo, respectivamente, debaterán sobre a responsabilidade dos concellos na promoción social do uso do galego. Estarán moderados pola xornalista e locutora da Radio Galega Belén Regueira.
A continuación, a profesora de Dereito Administrativo da USC Alba Nogueira explicará como elaborar/aprobar unha ordenanza/regulamento municipal de usos lingüísticos e, ao mesmo tempo, o deputado responsábel de Normalización Lingüística da Deputación, o nacionalista Xoán Manuel Sande, xunto co presidente da CTNL, Nel Vidal, darán a coñecer as liñas de axuda, as liñas de creación, as funcións e o estatus dos servizos de normalización lingüística.
Xa pola tarde, as técnicas Rosa Moreiras e Olga Patiño, xunto coa hostaleira Begoña Gómez, presentarán unha experiencia de acción conxunta, a campaña de dinamización lingüística na hostalaría de Ames, Rois e Brión.
Finalmente, o contador de historias Quico Cadaval fará unha actuación sobre historias de lingua.
Das conclusións e clausura do encontro encargarase o vicepresidente da Deputación, o nacionalista Pablo Villamar.
No encontro participarán os alcaldes de Cerceda, A Laracha, Cabana de Bergantiños, Val do Dubra, Zas, Outes, Carballo e Fene e as alcaldesas de Melide e Vilasantar. Ademais tamén participarán concelleiras e concelleiros de política lingüística doutros concellos como A Coruña, Santiago de Compostela, Ferrol, Boiro, Dodro, Arteixo, Malpica de Bergantiños, Vimianzo, Ares, Sada, Ames, San Sadurniño, Frades, Abegondo, etc., e técnicos/as de normalización lingüística de máis de 20 concellos da Coruña.
Esta é a primeira vez que se organiza un encontro político destas características para analizar a promoción social do uso do galego desde as administracións locais.
NA PRENSA
40 concellos da Coruña reúnense en Mariñán para avanzar na promoción do galego desde as administracións locais [En GzNación]
Representantes de 40 concellos da provincia reúnense mañá en Mariñán para avanzar na promoción do galego desde as administracións locais [No web da Deputación da Coruña]
Comeza no Pazo de Mariñán o I Encontro de política lingüística [En Galicia Hoxe]
A Deputación de A Coruña celebra hoxe un encontro de política lingüística entre os concellos da provincia [En Europa Press]
Encontro de Normalización [Artigo de opinión de Xosé Ramón López Boullón en Galicia Hoxe]
Inédito encontro municipal a prol da normalización lingüística nos concellos [En Vieiros]
Alcaldes, concelleiros e técnicos de normalización lingüística da provincia analizan en Mariñán o papel dos concellos na promoción do uso do galego [Web da Deputación da Coruña]
As administracións locais da Coruña celebran o I Encontro de Política Lingüística [En Culturagalega.org]
Técnicos de 40 concellos reúnense para darlle pulo á lingua galega[En Galicia Hoxe]
Arredor de 40 concellos da Coruña reúnense en Mariñán para avanzar na promoción do galego desde as administracións locais
Unhas 75 persoas, entre alcaldes e alcaldesas, concelleiros/as e técnicos/as de normalización lingüística de 40 concellos da Coruña participan o mércores 28 de novembro no Pazo de Mariñán no I Encontro de política lingüística desde as administracións locais da Coruña