Aquí medra a lingua, experiencias de dinamización do uso do galego na escola

O pasado luns o Consello da Cultura Galega finalizou a publicación na rede da serie documental Aquí medra a lingua. Nela analízanse as experiencias de seis centros educativos no ámbito da dinamización da lingua galega.

Durante seis semanas, o Consello da Cultura Galega presentou outras tantas experiencias para promover a lingua desde centros educativos. Nesta serie dáselles voz a alumnado, profesorado, familias e veciñanza de centros de diferentes ámbitos e niveis educativos.

Alén do propio vídeo, en cada un dos capítulos destácase un interesante contido expandido, que recolle aspectos positivos, como se organiza o centro, actividades de éxito e propostas de mellora.

Capítulo 01: “Modelo Burela” no IES Perdouro (Burela, Lugo)

Bernardo Penabade é unha referencia habitual no ámbito da dinamización lingüística escolar en Galicia. Foi o impulsor no ano 2003 de Modelo Burela, un proxecto que segue vixente case vinte anos despois e do que destaca o programa de Radio Neo, protagonizado por neofalantes. Pero Modelo Burela é máis: actividades de prestixio da lingua galega, integración de alumnado migrante e, tamén, unha maneira de transformar a sociedade da que a escola é parte.

Capítulo 02: “Reforzar o propio” no CPI Virxe da Saleta (Cea, Ourense)

Unha crise convertida en oportunidade. Así reaccionaron no CPI Virxe da Saleta de Cea ao lume que no 2010 destruíu parte das súas instalacións e que acabou provocando un cambio de rumbo do seu proxecto educativo incorporando máis actividades, máis comunidade e máis galego. Como centro integrado, a rapazada está no colexio dende 4º de Infantil ata 4º da ESO e acaban sendo eles os que motivan o profesorado que chega novo a falar a lingua propia.

Capítulo 03: “Activistas da lingua” no IES Félix Muriel (Rianxo, A Coruña)

No IES Félix Muriel de Rianxo o proxecto de Dinamización Lingüística non é unha simple axenda de actividades, senón o corazón do seu proxecto educativo. Tanto é así que dende hai anos aplican o Tratamento Integrado de Linguas dando prioridade á lingua minorizada como idioma vehicular. O resultado? Ademais dun maior e mellor uso do galego, unha educación de servizo á comunidade, cun profesorado implicado e un alumnado que exerce de activista da lingua.

Capítulo 04: “Alianzas necesarias” no CEIP Barouta (Ames, A Coruña)

O CEIP Barouta de Ames foi un dos centros que participou do Mapa sociolingüístico escolar de Ames, unha investigación da Real Academia da Galega (RAG) que segundo lembra o CCG acendeu todas as alarmas sobre o uso do galego entre a infancia e a xuventude. Aínda que a investigación rematou, a colaboración coa RAG segue en marcha para redeseñar o seu Plan de Dinamización Lingüística e atender aos desafíos que presentan os novos datos.

Capítulo 05: “Militantes da contorna” no CRA Nosa Señora do Faro (Ponteceso, A Coruña)

O Centro Rural Agrupado Nosa Señora do Faro inclúe oito escolas nos Concellos de Ponteceso, Cabana de Bergantiños e Malpica. Son contornos maioritariamente galegofalantes pero a súa infancia non é allea á presenza maioritaria do castelán no seu lecer. Por iso apostan por integrar moito o contorno no día a día da escola, tecer colaboracións con colectivos e empresas locais, e participar na vida cultural dos municipios. Militar na contorna para fornecer a raíz e a autoestima.

Capítulo 06: “Da emoción á competencia” no CEIP Quintela (Moaña, Pontevedra)

No CEIP de Moaña son conscientes de que o uso do castelán no contorno do centro é maioritario e que a transmisión interxeracional do galego dentro das familias hai tempo que non se produce. Por iso promoven o seu uso con actividades cunha importante dimensión emocional, para espertar apego pola lingua e que o alumnado remate a Primaria podendo expresarse tamén en galego.

Aquí medra a lingua é un proxecto deseñado pola Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega que busca amosar que as escolas son un cómplice indispensábel na lingua galega e da súa transmisión, dando voz ás proias persoas protagonistas que ofrecen un relato fiel dos proxectos que se están a desenvolver en diferentes centros de toda Galicia.

Esta esta serie está dirixida por Cristina de la Torre.

VI PREMIOS MIL PRIMAVERAS

Premios 1000 Primaveras

En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)

Asociate na CTNL

A CTNL no Youtube

A CTNL no Youtube

Queremos galego!

kit para a normalización en rede

Kit para a normalización en rede

Scroll ao inicio