Aprobadas as liñas de acción da CTNL para 2022 e elección dunha nova Xunta Directiva
O pasado 12 de marzo tivo lugar en Santiago de Compostela a Asemblea Xeral ordinaria da CTNL. Nela aprobáronse as liñas de acción para este ano 2022 e elixiuse unha nova Xunta Directiva para o período 2022-2024.
O sábado pasado tivo lugar a Asemblea Xeral ordinaria da CTNL, a cita para dar conta do traballo realizado durante o ano pasado e para aprobar o que se levará a cabo durante o actual.
Elección dunha nova Xunta Directiva
De acordo cos estatutos da CTNL, este ano correspondía elixir unha nova Xunta Directiva, que se fará cargo da xestión da CTNL durante dous anos. Foi elixida por unanimidade a única candidatura presentada, formada por: Anxos Sobriño Pérez (presidenta), Mónica Fernández Valencia (secretaria), Inmaculada Seage Freire (tesoureira) e, como vogais, María Adela Pita Permuy, Xesús M. Mosquera Carregal, Paula Soto Viñas, Marta Besada Otero, Manuel Reyes Villar e Xosé Ramón López Boullón.
Tras esta renovación, deixaron de formar parte da Xunta Directiva, despois de varios anos de dedicación, David Cobas Medín e Arximiro Fernández Cabanelas. A Asemblea agradeceulles o seu magnífico traballo.
Liñas de acción para 2022
Como é habitual, na asemblea avaliouse tamén o traballo desenvolvido durante o último ano e aprobáronse as liñas de acción para 2022, que incluirán actividades coma o LGx15, os Premios Mil Primaveras, o proxecto Agasallo, accións formativas, seguimento da política lingüística das institucións, difusión de accións para a mellora do uso e prestixio da lingua etc.
Liñas de acción para 2022, en .pdf