Anxo M. Lorenzo Suárez (Vigo, 1964) foi nomeado responsábel da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, un departamento que, como xa criticou a CTNL, pasou nesta lexislatura a depender da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, e deixou de depender da Presidencia, desde onde podería ter capacidade de acción transversal en todos os ámbitos.
Proximamente a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) solicitará unha entrevista con el para trasladarlle diferentes propostas e demandas do colectivo relacionadas coa política lingüística en xeral, e en particular coa situación dos servizos de normalización lingüística e a súa potenciación e coordinación, así coma outros aspectos concretos relacionados coa formación en lingua galega, subvencións, xestión e organización de campañas, etc.
Anxo Lorenzo é profesor titular do departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo. Foi, durante cinco anos (2001-2006) director do Servizo de Normalización Lingüística desa universidade e, desde 2006, era director do Departamento de Filoloxía Galega e Latina.
No ámbito da sociolingüística e da planificación é autor de traballos como “Planificación lingüística de baixa intensidade: o caso galego”, da revista Cadernos de Lingua, 27, 2005 [descargar en .pdf], ou “A situación sociolingüística do galego: unha lectura”, revista Grial, 179; e coautor de A sociedade galega e o idioma. A evolución sociolingüística de Galicia (1992-2003), Sección de Lingua do Consello de Cultura Galega, 2005 [descargar en .pdf]; A planificación lingüística nos centros educativos, Secretaría Xeral de Política Lingüística, 2007 [descargar en .pdf]; ou Lingua, sociedade e medios de comunicación en Galicia, Consello da Cultura Galega, 2009 [descargar en .pdf].
É membro do consello asesor da Revista Galega de Filoloxía da Universidade da Coruña; cofundador e coeditor da revista Estudios de Sociolingüística da Universidade de Vigo (2000-2003); coordinador da Sección de Lingua e Sociedade e membro do Consello Consultivo da Fundación Carlos Casares (desde 2003); membro da Comisión Técnica do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG); membro da Sección de Lingua do Consello da Cultura Galega; director do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo (desde 2006); director do Observatorio de Sociolingüística da Universidade de Vigo; e coordinador da exposición As nosas palabras, os nosos mundos, elaborada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, 2008-2009.
Anxo Lorenzo, nomeado secretario xeral de Política Lingüística
No Consello da Xunta do 14 de maio aprobouse o decreto polo que se nomea secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ao sociolingüista da Universidade de Vigo Anxo M. Lorenzo Suárez