Anxo Lorenzo é licenciado en Filoloxía Hispánica e profesor da Universidade de Vigo. Foi, durante cinco anos (2001-2006) director da Área de Normalización Lingüística desa universidade e, de 2006 a 2009, director do Departamento de Filoloxía Galega e Latina.
Desde o seu nomeamento como secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, en maio de 2009, até o seu cesamento, o mércores 4 de xaneiro de 2012, foi o artífice dos maiores e máis graves retrocesos na política lingüística galega desde a restauración da democracia.
Algunhas das polémicas decisións, feitos e accións das que foi responsábel, que desde a CTNL fomos denunciando e que deixan unha gravísima herdanza para o futuro do proceso de normalización da lingua galega son, por exemplo:
- A Secretaría Xeral de Política Lingüística pasou a depender, outra vez, da Consellería de Educación e deixou de depender, como nos últimos anos, da Presidencia, desde onde podería ter capacidade de acción transversal en todos os ámbitos sen quedar encaixada nun concreto.
- A aprobación do chamado Decreto do Plurilingüismo supuxo, por primeira vez na historia, un retroceso na incorporación do galego no ensino, e a prohibición de impartir determinadas materias en galego.
- Eliminouse o estabelecemento de que os/as opositores/as demostrasen o seu coñecemento de galego realizando neste idioma polo menos unha das probas dos procesos selectivos, modificando para iso a Lei da función pública.
- Desmanteláronse os orzamentos para a Política Lingüística, que chegaron a mínimos históricos. Por exemplo, en 2012 a Xunta dedícalle ao galego menos da metade do orzamento que unha década antes.
- Elimináronse as subvencións ás entidades sen ánimo de lucro para a normalización lingüística.
- Suspendéronse en 2011, por vez primeira en vinte anos, as axudas á promoción do galego desde a administración local, o que supuxo o peche de, cando menos, 16 servizos de normalización lingüística (SNL), a non creación doutros e a paralización de accións dinamizadoras desde os concellos.
- Suspendéronse as axudas á edición de materiais curriculares en galego en 2011.
- Reducíronse os cursos de galego e incluso se eliminou unha das convocatorias de exame, e na organización e xestión dos cursos Celga menosprezáronse os servizos de normalización lingüística (SNL), encargados, na práctica, da súa difusión, xestión e achegamento á cidadanía.
- Creouse unha Rede de Dinamización Lingüística para concellos sen necesidade de contar con servizo de normalización lingüística (SNL) para formar parte dela, o que, sumado á rebaixa e suspensión das axudas para o seu mantemento, supuxo o peche de moitos deses SNL.
- Eliminouse na linguaxe utilizada pola administración autonómica o termo “normalización”, renunciando a ese concepto, eliminándoo do nome dos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (ENDL) do ensino e intentándoo cos servizos de normalización lingüística (SNL) dos concellos e doutras administracións.
- Etc.