Análise da acción de política lingüística desde o goberno galego nos últimos catro anos e propostas para a vindeira lexislatura

As accións da Secretaría Xeral de Política Lingüística motivaron nos últimos anos amplos debates. Ao rematar a lexislatura, os XI Encontros para a Normalización Lingüística analizaron esta actuación. Achegamos aquí o relatorio completo no que se analiza a acción de política lingüística na última lexislatura e que foi presentado polo presidente da CTNL, como membro da comisión técnica do CDSG, nos XI Encontros para a normalización lingüística.

> Relatorio de análise da acción de política lingüística desde o goberno galego nos últimos catro anos e propostas para a vindeira lexislatura [.pdf, 425 Kb]

> Presentación do relatorio de análise da acción de política lingüística desde o goberno galego nos últimos catro anos e propostas para a vindeira lexislatura [.pdf, 817 Kb]

CINCO CONCLUSIÓNS XERAIS DESTA LEXISLATURA
  • Aínda que ao longo da lexislatura houbo algúns avances en política lingüística, estes quedaron moi afastados das expectativas e das necesidades que había no ámbito da normalización. E cando a situación sociolingüística empeora e as medidas non avanzan proporcionalmente a ese empeoramento, realmente estase a recuar.


  • Aínda que se valora como algo positivo a substitución dunha dirección xeral por unha secretaría xeral, manter practicamente a mesma estrutura, os mesmos recursos e as mesmas accións fixeron que os avances en política lingüística nesta lexislatura fosen mínimos con respecto ás anteriores.


  • Unha das carencias máis graves detectadas é a da falta de organismos técnicos de planificación e, polo tanto, de persoal especializado. Esta grave carencia condicionou na práctica a falta de planificación xeral con criterios técnicos e a improvisación de accións ao longo da lexislatura.


  • Aínda que os recursos destinados á política lingüística non foron os suficientes, os mesmos, só destinados para a normalización e non para outras cousas, aplicados con outros criterios técnicos, cun cadro de prioridades ben estabelecido, con políticas activas e participativas e cunha acción transversal coordinada, poderían dar resultados ben distintos.


  • Durante toda a lexislatura foi tónica xeral a non consideración das demandas e propostas das propias entidades implicadas na normalización. Non se desenvolveron mecanismos de participación social nin sequera foros de debate, nin formais nin informais, para discutir propostas e unir esforzos en política lingüística. Esa unilateralidade na acción provocou unha fenda nada positiva entre a SXPL e outros organismos e entidades implicadas na normalización lingüística.


CINCO PROPOSTAS XERAIS PARA A VINDEIRA LEXISLATURA
  • O goberno galego ten que desenvolver unha política lingüística activa e participativa que teña por obxectivo o incremento do uso e prestixio da lingua galega en todos os ámbitos, e a SXPL ten que realmente planificar, dirixir e coordinar a acción transversal desde o conxunto da Xunta, polo que todos os departamentos deben aplicar nas súas accións criterios coherentes e con obxectivos normalizadores claros (a través das contratacións, subvencións, campañas, información, centros, publicacións, formación, etc.).


  • A Xunta de Galicia ten que destinar máis recursos para a política lingüística. Consideramos que para a vindeira lexislatura se debería chegar a un mínimo do 0,3% do orzamento total da Xunta.


  • A SXPL debe dotarse dunha estrutura máis completa, cun cadro de persoal moito máis amplo, con persoal técnico especializado en planificación lingüística e con servizos específicos para as diversas accións e demandas que require o proceso normalizador. Debe facerse, xa que logo, un claro investimento en formación de profesionais e en capital humano.


  • O Consorcio para a Planificación Lingüística faise cada vez máis necesario. Na vindeira lexislatura é imprescindíbel a súa constitución, con obxectivos normalizadores claros, con suficiente dotación orzamentaria, con suficientes recursos humanos multidisciplinares e cunha rede de centros territoriais distribuídos por todas as comarcas.


  • Na vindeira lexislatura deben artellarse mecanismos de participación social e a SXPL debe traballar da man con todas aquelas entidades e sectores implicados no incremento do uso e prestixio da lingua galega en todos os ámbitos. Sumar esforzos é imprescindíbel.


REPERCUSIÓNS NA PRENSA

VI PREMIOS MIL PRIMAVERAS

Premios 1000 Primaveras

En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)

Asociate na CTNL

A CTNL no Youtube

A CTNL no Youtube

Queremos galego!

kit para a normalización en rede

Kit para a normalización en rede

Scroll ao inicio