Despois da boa acollida que tivo a iniciativa de promoción e galeguización do comercio amiense posta en marcha o ano pasado, o Concello de Ames decidiu retomar esta iniciativa co fin de que todos os establecementos comerciais que o desexan, poidan adherirse a esta campaña e se beneficien de diversas vantaxes como a inscrición nun obradoiro de atención ao público ou a entrega dunha bolsa con material promocional para cada establecemento. Neste momento hai 200 comercios adheridos a esta campaña.
O Concello de Ames está a desenvolver nos últimos tempos diversas medidas e ferramentas para fortalecer o tecido empresarial do pequeno comercio. Este tipo de comercio ten que satisfacer as demandas dunha clientela cada vez máis esixente e facerlle fronte ás diferentes ameazas que o abordan no día a día. Para conseguirmos iso é importante unha aposta pola calidade, pola modernidade e pola diferenciación.
Para tratar de potenciar o comercio local, os departamentos de Normalización Lingüística e Promoción Económica puxeron en marcha o ano pasado a campaña Calidade en Galego, cos obxectivos de aproveitar as vantaxes que o sector comercial pode tirar do uso da nosa lingua e asentar unha imaxe de marca común para todo o pequeno comercio amiense. A lingua galega ofrece unha serie de vantaxes (modernidade, diferenciación, proximidade coa clientela, innovación, fiabilidade…) que hai que ter en conta á hora de elaborar unha estratexia comunicativa.
Todas as actuacións da campaña son gratuítas para os comercios interesados en adherirse. Durante o ano 2009 desenvolveuse a primeira fase, pero o que se pretende é crear unha rede de colaboración fluída entre os e os comerciantes e os departamentos de promoción económica e de normalización lingüística para colaborar na promoción e na galeguización do comercio. Así, agora volve reabrirse a campaña e comeza unha segunda fase na todos aqueles comercios que o desexen poderán inscribirse antes do 30 de abril.
Os comercios que se inscriban nesta segunda fase e os 200 que xa forma parte da rede Calidade en Galego dende o ano pasado poderán participar nun obradoiro de atención ao público que se vai levar a cabo en Bertamiráns (luns, martes e xoves) e no Milladoiro (martes, mércores e venres) entre o 1 e 29 de xuño.
Este curso está destinado aos traballadores e traballadoras deste sector co fin de melloraren a súa formación neste eido para así poder ofrecer un mellor servizo que repercutirá de xeito positivo na clientela e, por extensión, na cidadanía amesá. Todos os e as comerciantes e traballadores/as do pequeno comercio adheridos a Calidade en Galego poden inscribirse neste curso dende o 3 ata o 29 de maio. Para iso, só teñen que achegarse ata o Rexistro das Oficinas Municipais do Milladoiro ou no Rexistro da Casa do Concello en Bertamiráns, de luns a venres, en horario de 9.00 h a 14.00 h.
Campaña publicitaria
As actuacións que se están a desenvolver seguen a mesma liña que na edición anterior. Calidade en Galego consiste nunha campaña publicitaria en diferentes soportes. No reparto de materiais útiles e atractivos para os comerciantes (adhesivos para os agasallos, distintivos cos horarios de apertura e peche, paraugas de cortesía, etc.). Tamén se ofrece asesoramento lingüístico para mellorar a presenza do galego no comercio e impartirase formación para mellorar as estratexias de comunicación publicitaria e a atención ao público. Por último darase información sobre a normativa vixente e sobre posibles axudas para a promoción e galeguización do comercio.
Os establecementos que se adhiran recibirán unha bolsa con diferentes elementos promocionais como tres paraugas de cortesía identificados cos logos da campaña, un expositor de metacrilato para o horario do establecemento, ventosas para colocar o expositor, fichas para marcar o horario comercial, un cartel promocional da campaña, dípticos informativos cos obxectivos e coas actuacións da campaña , adhesivos para os agasallos e carteis para a época de Rebaixas.
Adhesión a Calidade en Galego
Na actualidade estase realizando unha actualización de todas aquelas empresas que están adheridas a esta campaña e aquelas outras que desexan adherirse. Os técnicos do departamento de Promoción Económica e do Servizo de Normalización Lingüística están visitando os establecementos comercias de nova apertura para explicarlle a cada empresario ou empresaria en que consiste esta iniciativa. Con todo, os e as comerciantes que desexen adherirse ou consultar calquera dúbida poden facelo poñéndose en contacto do departamento de Promoción Económica ou co Servizo de Normalización Lingüística nos teléfonos 981 883 002 ou 981 884 991 ou a través dos correos electrónicos promocioneconomica@concellodeames.org ou normalizacion@concellodeames.org
Ames retoma a campaña de promoción lingüística no comercio “Calidade en galego”
Despois da boa acollida, con máis de 200 estabelecementos formalmente adheridos, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames reabre a iniciativa "Calidade en galego", campaña de promoción e galeguización do comercio amiense posta en marcha o pasado ano