Para o Nadal, para un aniversario, para o Día d@s Namorad@s, para unha amiga ou amigo, para levar algo cando te convidan a cear na casa de alguén, para o Día da Nai ou do Pai, para o Día de Rosalía, para quen queiras, para cando queiras. As ocasións para agasallar alguén son múltiples, e desde a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) queremos que en todas elas se teña en conta a lingua.
Para isto puxemos en marcha Agasallo.eu, unha plataforma dixital que compila, difunde, dá a coñecer e recomenda agasallos en galego de diverso tipo, para todas as idades e para todo tipo de acontecementos e épocas do ano.
No buscador de Agasallo.eu podes introducir criterios como o prezo, a idade da persoa que recibirá o regalo ou o tipo de produto en que pensas, e obterás unha primeira listaxe de ideas para ir concretando. De cada proposta tes información completa, e tamén información sobre como e onde conseguila, xa sexa acudindo fisicamente a unha tenda ou mercándoa a través da rede, nos casos en que sexa posible (directamente a través de Agasallo.eu non se vende).
TAMÉN SE PODEN CREAR AUTOMATICAMENTE CATÁLOGOS DISTRIBUÍBLES
En Agasallo.eu tamén se poden crear revistas en .pdf. Esta é unha opción moi boa para que centros de ensino, asociacións, empresas, entidades…, poidan facer unha selección ao seu gusto, personalizala e difundila.
O sistema permite crear unha escolma de propostas de regalos en galego nun catálogo no que se poden escoller o estilo e deseño, poñerlle un título e incluso engadirlle un logo ou imaxe, para despois poder ser distribuído como se queira, imprimilo en A4, envialo por correo electrónico ou subilo a unha páxina web.
Agasallo.eu é unha proxecto que está desenvolvido pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), e que naceu do Viveiro de propostas normalizadoras, igual que o fixo, por exemplo, a campaña Gústame o galego. Para o seu desenvolvemento contouse con colaboración económica da Xunta de Galicia. Na plataforma tamén colaboran coa difusión e implicación de empresas outras entidades, como a Asociación Galega de Editores (AGE) ou Abertos ao Galego, da Mesa pola Normalización Lingüística.
O web nace cunha serie de propostas e empresas participantes, que se irán actualizando e incrementando nos vindeiros días.
> Web Agasallo.eu
> Facebook de Agasallo.eu
> Twitter de Agasallo.eu
> Ferramenta para a creación de catálogos en .pdf
Agasallo.eu, unha plataforma na rede en que xa podes buscar regalos en galego de todo tipo
Un disco, un xogo, unha camisola, un libro, unha cea, unha entrada a un concerto, un licor ou viño, unha subscrición, un dvd, unha fin de semana de turismo rural... En galego tes unha chea de opcións para elixir regalos, e a plataforma Agasallo.eu ten o obxectivo de propolas, difundilas e facer que a xente as coñeza e as teña sempre en conta