Agasallo: do web a máis presenza en Facebook, Twitter e Instagram
Como acordamos na última asemblea, o proxecto Agasallo evoluciona a partir desde ano para estar máis presente nas redes sociais e ser xestionado con máis axilidade. Desde estes días, ademais das contas en Facebook e Twitter, incorporamos Instagram co fin de chegar a un público máis diverso. Polo contrario, o web agasallo.eu deixará de actualizarse aínda que se manterá dispoñible durante un tempo para consulta.
Despois dun período de reflexión, desde a CTNL decidimos facer unhas pequenas variacións no proxecto Agasallo.eu en que levamos traballando desde que se presentara no ano 2013 na Feira de Industrias Culturais Culturgal.
Tales cambios consisten basicamente en deixar de actualizar o sitio web agasallo.eu, que nos acompañou ata agora, para centrármonos única e exclusivamente nas redes sociais Facebook e Twitter, como xa viñamos facendo, ás que tamén agora engadimos Instagram. No entanto, o web aínda se manterá dispoñible un tempo para a consulta dos produtos publicados ata agora.
Desde a CTNL estamos moi satisfeitas e satisfeitos deste proxecto e queremos pensar que puxemos o noso gran de area para que cada vez sexan máis os produtos –culturais e de todo tipo– que a cidadanía ten ao seu dispor e que dun ou doutro xeito contribúen a visibilizar a lingua galega. Por achegar só uns datos, nestes oito anos engadimos na páxina web máis de 1000 referencias pertencentes a preto de 200 empresas diferentes e o número de visitantes únicos da páxina web nos últimos anos roldou os 8000. A suma dos seguidores en Twitter e Facebook tamén supera os 8000 usuarios/as.
Ademais, o proxecto foi presentado nunhas xornadas de intercambio de boas prácticas de fomento da lingua en Valencia en 2019. E mesmo se interesou por el o programa Vivir aquí da Televisión de Galicia para incluílo nunha emisión especial con motivo das Letras Galegas titulada “Vivo en galego”.
Nesta nova etapa do proxecto, o que pretendemos é facer un labor de divulgación que nos resulte máis áxil, evitar duplicidades e procurar chegar a novo público. Así pois, vémonos nas redes!!
Facebook: https://www.facebook.com/AgasalloEu
Twitter: @AgasalloEu
Instagram: @agasalloeu