normalización lingüística

A Xunta de Galicia convoca as subvencións para que as entidades locais promovan a lingua en 2026

A convocatoria está publicada no DOG do 7 de abril de 2026. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes.

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude publicou no DOG do 7 de abril de 2026 a orde do 18 de marzo de 2026 pola que se establecen as bases para a concesión de subvencións ás entidades locais de Galicia para a promoción do uso da lingua galega e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento PL400A). Estas axudas son xestionadas pola Secretaría Xeral da Lingua.

Entidades destinatarias

Concellos ou agrupamentos de concellos con poboación igual ou superior aos 3000 habitantes. Quedan excluídas desta convocatoria as deputacións provinciais.

Orzamento

Contía inicial máxima: 350.000 euros

Modalidades que se subvencionarán

  • a) Creación dun servizo de normalización lingüística, que inclúe a planificación e o desenvolvemento de actividades de dinamización lingüística.
  • b) Mantemento ou reforzamento dun servizo de normalización lingüística, xunto coa planificación e o desenvolvemento de actividades de dinamización lingüística.
  • c) Desenvolvemento de accións e programas de dinamización lingüística por unha entidade local carente de servizo de normalización lingüística.

Cada entidade local ou agrupamento de concellos poderá solicitar unha única modalidade de axuda ao abeiro desta convocatoria. A prestación de servizos de normalización lingüística implica a planificación e o desenvolvemento de actividades de dinamización lingüística, polo tanto, as tres modalidades de axuda incluirán a súa realización. Para o caso das modalidades a) e b), consideraranse subvencionables, ademais dos gastos de persoal, os gastos que supoña a realización de accións ou actividades de dinamización lingüística.

Período que comprenden as axudas

Son obxecto de subvención as actividades realizadas entre o 1 de xaneiro e o 15 de outubro de 2026.

Prazo de solicitude

Un mes desde o día seguinte da publicación das bases, é dicir, até o 7 de maio de 2026.

Presentación de solicitudes

As solicitudes presentaranse unicamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (anexo I da convocatoria).

Perfil técnico do SNL

O persoal técnico dos SNL debe estar encadrado dentro do grupo I de cotización do réxime xeral da Seguridade Social e ter algunha das seguintes titulacións: grao en Lingua e Literatura Galegas, grao en Estudos de Galego e Español, grao en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios, as licenciaturas equivalentes aos ditos graos ou outras titulacións superiores pertencentes ás áreas de Humanidades ou de Ciencias Xurídicas e Sociais, sempre que estean en posesión do certificado de lingua galega do nivel 5 (Celga 5).

Funcións do SNL

De acordo co artigo 9 das bases das axudas, as funcións dos SNL son, entre outras, as seguintes:

Funcións internas:

  1. Asesorar a Administración en todo o relacionado coa promoción da lingua galega.
  2. Colaborar coa Administración para determinar os perfís lingüísticos necesarios para cada un dos postos de traballo e colaborar nas probas e procesos selectivos para que se avalíen convenientemente os coñecementos lingüísticos dos/das aspirantes.
  3. Velar polo cumprimento da lexislación en materia lingüística por parte da entidade local e, polo tanto, velar para que se lle garantan os dereitos lingüísticos á cidadanía.
  4. Informar sobre a conveniencia, oportunidade, método, etc. de incorporar accións con obxectivos normalizadores en programas ou accións do concello de índole diversa, e colaborar na súa especificación, deseño e materialización.
  5. Emitir informes sobre a oportunidade, conveniencia, etc. de accións do concello con respecto ao fomento do uso e prestixio da lingua galega.

Funcións de dinamización lingüística:

  1. Planificar, xestionar, executar e avaliar accións dinamizadoras a prol da lingua galega no ámbito de influencia da entidade.
  2. Fomentar o uso do galego no ámbito socioeconómico e, en xeral, en todos os sectores de importancia para a súa repercusión social.
  3. Promover e coordinar redes de traballo para o fomento do uso do galego no ámbito asociativo, educativo e empresarial, no ámbito local.
  4. Planificar e propoñer programas dinamizadores e actividades concretas que conciencien a sociedade respecto do uso da lingua galega.
  5. Fomentar o uso do galego no conxunto da sociedade.
  6. Promover e coordinar redes de traballo para o fomento do uso do galego nos distintos ámbitos de influencia do termo municipal para que funcionen como axentes normalizadores.

Funcións de formación sociolingüística:

  1. Planificar, xestionar, coordinar e difundir a realización de cursos de lingua galega, xerais e específicos, para a poboación en xeral ou para sectores concretos.
  2. Impartir cursos de formación en lingua galega, de acordo coa programación de cada entidade local, con especial atención á formación en lingua e cultura galegas para persoas estranxeiras.
  3. Difundir entre a cidadanía materiais que contribúan á tarefa de promover a extensión do uso do galego: dereitos lingüísticos, lexislación e recursos lingüísticos.
  4. Colaborar no deseño de programas de formación para garantir a presenza do galego e de contidos favorables á mellora de actitudes lingüísticas no ámbito local.

Funcións de asesoramento lingüístico:

  1. Mellorar a calidade lingüística e comunicativa da Administración.
  2. Normalizar a imaxe lingüística, fixar criterios lingüísticos para a organización e establecer modelos de documentos administrativos.
  3. Resolver dúbidas lingüísticas.
  4. Revisar e validar lingüisticamente aqueles textos que vaian ter maior difusión, impacto ou permanencia (carteis, folletos, rotulación, anuncios, impresos, publicacións, etc.) para garantir a calidade lingüística e o uso dunha linguaxe moderna, democrática e inclusiva.
  5. Elaborar e recomendar materiais específicos atendendo ás necesidades dos departamentos.

Funcións de coordinación:

  1. Apoiar a difusión das accións dinamizadoras desenvolvidas pola Secretaría Xeral da Lingua.
  2. Coordinarse, de ser o caso, coa Rede de dinamización lingüística para planificar, xestionar, executar e avaliar accións de fomento do uso do galego, de acordo cos criterios e as pautas de traballo establecidas pola coordinación técnica da propia rede.
  3. Participar nas reunións e encontros de traballo e na coordinación que a Secretaría Xeral da Lingua convoque e nos grupos de traballo que se creen para a planificación de accións normalizadoras conxuntas.

Criterios de valoración

Algúns dos criterios que se terán en conta para avaliar as candidaturas son os seguintes:

  • Pertenza á Rede de Dinamización Lingüística
  • Poboación
  • Continuidade do SNL (só para o mantemento de SNL)
  • Consideración estratéxica do servizo de normalización lingüística segundo as áreas territoriais de influencia
  • Calidade da programación de dinamización lingüística: implicación doutras entidades, incidencia nos ámbitos prioritarios, adecuación das propostas aos obxectivos de promoción do uso e do prestixio da lingua
  • Inclusión de formación lingüística, sociolingüística, en linguaxes específicas ou en lingua e cultura galegas para persoas estranxeiras
  • Dispor de normativa ou regulación relacionada coa lingua galega (ordenanzas, plans de normalización lingüística, protocolos, etc.)

Ámbitos prioritarios de intervención

  • Deporte
  • Mocidade
  • Tecnoloxías da información e da comunicación
  • Tecido económico e empresarial
  • Servizos sociais
  • Perspectiva de xénero e igualdade e cultura inclusiva e accesible

Prazo de xustificación das axudas

O prazo de xustificación das axudas concedidas acaba o 20 de outubro de 2026.

Información destacada

  1. Modalidades de axudas: creación, mantemento ou reforzo de SNL, accións de promoción sen SNL
  2. Prazo para pedir as axudas: do 8 de abril ao 7 de maio de 2026
  3. Formulario de solicitude: procedemento PL400A na sede electrónica da Xunta de Galicia
  4. Destinatarios: concellos ou agrupacións de concellos con polo menos 3000 habitantes
  5. Prazo para xustificar as axudas: até o 20 de outubro de 2026

Información detallada

En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)

Asociate na CTNL

A CTNL no Youtube

A CTNL no Youtube

Queremos galego!

kit para a normalización en rede

Kit para a normalización en rede

Scroll ao inicio