A Xunta crea unha Rede de Dinamización Lingüística que non respecta os criterios básicos defendidos pola CTNL

A SXPL publica no DOG unha orde pola que se crea a Rede de Dinamización Lingüística que, segundo se indica, é unha asociación voluntaria que busca congregar as entidades con competencia na promoción do uso da lingua galega. Esa Rede non atende os criterios básicos defendidos pola CTNL

O Diario Oficial de Galicia do 21 de setembro publica a Orde pola que se crea a Rede de Dinamización Lingüística (.pdf), que pretende, segundo se sinala nesa orde, “congregar as actuacións dinamizadoras das institucións con competencia na promoción do uso do galego no ámbito local”.

Como xa informamos neste mesmo web en abril de 2010, a Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) convidou a CTNL, en xuño de 2009, a participar nun grupo de traballo para a constitución dunha Rede de Dinamización Lingüística. Ese grupo de traballo –composto por catro representantes da SXPL, dous representantes da CTNL e catro técnicos/as de normalización nomeados/as pola SXPL– sería o encargado de facerlle á SXPL unha proposta sobre os criterios, obxectivos, funcións e estrutura desa futura Rede.

Ante a proposta, desde a CTNL insistiuse en que a prioridade debe ser a constitución dun consorcio, pois é a única maneira de termos un organismo interadministrativo real, que poida dotarse de persoal multidisciplinar para a planificación lingüística e que permite a creación de servizos de normalización lingüística comarcais coa participación das distintas administracións.

A non constitución dese consorcio só se pode achacar a criterios políticos, e en ningún caso técnicos nin económicos, pois as diferentes propostas feitas pola CTNL arredor dese organismo sempre se basearon en que tecnicamente era a mellor opción e economicamente supuña rendibilizar os recursos que na actualidade xa se lle dedican á normalización lingüística desde as diferentes administracións.

Aínda así, e ante a negativa da SXPL de impulsar a constitución dun consorcio, desde a CTNL defendéronse nese grupo de traballo unha serie de cuestións básicas que a SXPL debería ter en conta para a posta en marcha desa Rede, vista pola CTNL como un primeiro paso.

En primeiro lugar, desde a CTNL expúxose que, antes de nada, había que reformular por completo a convocatoria de subvencións para a creación e mantemento de servizos de normalización lingüística das administracións locais. E, en segundo lugar, e ante as propostas e posturas da SXPL para a creación desa Rede, defendéronse unha serie de cuestións básicas concretas relativas a ese posíbel futuro organismo.

No informe completo (.pdf) pódense consultar os datos de grupo de traballo, as propostas para a mellora da promoción e impulso dos SNL desde a Xunta de Galicia a partir da orde de subvencións para a normalización lingüística desde as administracións locais, e as propostas concretas relativas á creación da Rede de Dinamización Lingüística que, como se pode comprobar agora nesta Orde publicada no DOG, a Secretaría Xeral de Política Lingüística non tivo en conta.

Na última xuntanza dese grupo de traballo, xa en abril de 2010 e seis meses despois da anterior, desde a CTNL constatamos que as propostas e criterios básicos defendidos pola CTNL e acordados no grupo non se tiñan en conta por parte da SXPL e que o grupo traballo deixou de cumprir a súa función, polo que o demos por concluído.
En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)

Asociate na CTNL

A CTNL no Youtube

A CTNL no Youtube

Queremos galego!

kit para a normalización en rede

Kit para a normalización en rede

Lingua vital xa!

Lingua vital xa! Paremos a emerxencia lingüística

Scroll ao inicio