A prol dos servizos de normalización lingüística e demais servizos públicos

Intervención de Nel Vidal no Festival de apoio aos servizos públicos de Ames

Eu non veño aquí só para apoiar as traballadoras e os traballadores do concello, que tamén. Eu veño aquí apoiar a veciñanza de Ames, á que lle queren, que vos queren, roubar dereitos a servizos...

…O seu, o voso dereito ao servizo de ter unha información ampla e veraz, sen manipulación nin filtro partidario.

O seu, o voso dereito a un servizo de fomento da lingua propia.

O seu, o voso dereito á protección do medio.

O seu, o voso dereito a un servizo amplo de biblioteca e animación á lectura.

Ah, e tamén o dereito á defensa das condicións laborais dignas e á liberdade sindical.

Nós, as e os que hoxe estamos aquí, estamos a favor da lingua, do medio, da lectura, da información. Nós estamos a favor. É o goberno do concello de Ames o que está en contra. En contra da cidadania, do concepto de cidadanía e, polo tanto, en contra da información, da lingua, do medio, da lectura… Queren que deixemos de ser, “mais aínda seguimos aquí“!.

Con respecto á lingua, o concello di que pode apoiala igual aínda que pechen o Servizo de Normalización Lingüística, que iso non quere dicir que estean en contra do galego, que nada ten que ver unha cousa con outra. Claro que si! Atreveríanse a dicir que non están en contra das persoas dependentes se quitan os servizos á dependencia?, ou que non están en contra das persoas necesitadas se pechan os servizos sociais?

Pois coa lingua, o mesmo. Se até os secretarios xerais de política lingüística da Xunta, o vello e mais o novo, lle tiveron que chamar a atención ao concello (que xa é dicir!).

E haberá quen diga que eses servizos que se pechan tampouco é que sexan imprescindíbeis. E teñen razón. Imprescindíbel é comer e pouco máis. Se cadra é que aínda están nesa fase…

Desde a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua levamos anos traballando para que se creen servizos de normalización lingüística e, nos últimos meses, tendo que centrarnos en que non pechen os que hai, mais nas últimas semanas van alá uns cantos: Aranga, Arzúa, O Barco, Barreiros, Cabana de Bergantiños, Cariño, Cerceda, Dodro, Malpica, Mesía, Monfero, Oroso, Quiroga, Santiso, Vilasantar, Zas.

Isto hai que frealo, polo que seguiremos traballando para que paren. Mais tamén é a vez da cidadanía. Tócalle, tócanos, á cidadanía reclamar o traballo xusto e ilusionante a prol do noso maior ben colectivo, para que así, as galegas e os galegos poidamos manter a visión do mundo desde a óptica que só nos pode dar a lingua propia do noso país. Temos que reaccionar e conseguiremos cambiarlles os plans aos gobernos das administracións que están favorecendo o peche dos servizos públicos e privándonos de dereitos.

Así que, se queren ser lembrados como “bos e xenerosos”, que comecen por deixar de ser “patufos desleigados”.

Nel Vidal Barral

Presidente da CTNL

Intervención no Festival de apoio aos servizos públicos de Ames (27/1/2012)
VI PREMIOS MIL PRIMAVERAS

Premios 1000 Primaveras

En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)

Asociate na CTNL

A CTNL no Youtube

A CTNL no Youtube

Queremos galego!

kit para a normalización en rede

Kit para a normalización en rede

Scroll ao inicio