A inauguración do curso terá lugar o mércores ás 10.30 h da mañá no auditorio do Forum, estará presidida polo alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e nela participarán, ademais, o reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luís Armesto; o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez; o presidente da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), Nel Vidal Barral; e a directora do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, Goretti Sanmartín.
O obxectivo principal deste curso é fortalecer a idea de normalización lingüística como algo xusto socialmente, de xeito que se procurará amosar a oportunidade e necesidade de conectar e crear vínculos entre diferentes espazos e colectivos que procuran unha maior xustiza social, como os vencellados co ecoloxismo, o feminismo, a cooperación, a defensa das persoas desfavorecidas, etc.
Este curso de verán está organizado pola Universidade da Coruña, e conta coa colaboración da CTNL, do Concello de Carballo e mais da Xunta de Galicia.
Análises, grupos de traballo, mesas redondas e actividades lúdicas
O curso comezará o mércores 18 de xullo cunha análise sobre sustentabilidade lingüística desde a perspectiva da xustiza social, que fará o profesor da Universidade de Barcelona Père Comellas. A continuación, o maxistrado da Audiencia Provincial de Lugo e voceiro do colectivo Xuíces para a Democracia, Luís Villares, falará sobre legalidade e lexitimidade e sobre a xustiza social e a xustiza xurídica, vinculando así a normalización da lingua galega coa lexitimidade e a xustiza. Xa pola tarde, activistas sociais de diferentes ámbitos, como o ecoloxismo, a emigración, o sindicalismo, o feminismo, etc., participarán nunha mesa redonda co título “Pódese ser feminista e non defender o galego? Pódese defender o galego e non ser ecoloxista? Sobre coherencia e ligazón de causas”. O día finalizará co desenvolvemento de diversos grupos de traballo.
O xoves 19 de xullo a activista no ámbito das liberdades sexuais Lucía Vázquez falará sobre liberdades sexuais, xustiza e defensa da diversidade lingüística, e a continuación, o profesor e activista Séchu Sende falará sobre a súa experiencia nos movementos sociais en relación coa lingua, o activismo e a intervención. Xa pola tarde, haberá unha mesa redonda sobre lingua e conexión de causas xustas no asociacionismo local, na que participarán representantes de diversos colectivos de Carballo, como son Senda Nova (ecoloxista), Adiante (cooperación), Proxectando (xuvenil) e Ceibo (asociación de uruguaios/as). Despois dunha nova sesión de grupos de traballo, o día rematará cun concerto do cantautor Xoán Curiel, que terá lugar ás 22.30 h na Cervexaría Dublín, con entrada libre e gratuíta para quen queira asistir.
E o último día do curso, o venres 20 de xullo, haberá unha nova mesa redonda, neste caso sobre asociacionismo e reivindicación da lingua como causa xusta, na que participarán a presidenta da Nova Escola Galega, Mariló Candedo, e o presidente da Asociación Socio-Pedagóxica Galega, Xoán Costa. Despois dunha sesión de conclusións e ideas finais, o curso rematará cunha conferencia de clausura por parte de Astrid Agenjo, economista e investigadora da Universidade de Sevilla, experta en economía, desenvolvemento, cidadanía e intervención social, que falará sobre a marea multicolor e a ligazón das loitas antisistema para transformar o mundo.
DATAS
18, 19 e 20 de xullo de 2012
LUGAR
Fórum Carballo [Indicacións en Google Maps]
Rúa do Xílgaro s/n. A Milagrosa
Carballo
A normalización lingüística como cuestión de xustiza social a análise en Carballo
Durante os días 18, 19 e 20 de xullo o Forum Carballo acolle o VIII Curso de verán da Universidade da Coruña sobre dinamización lingüística "Traballando en lingua", que este ano se centra na Xustiza social e a normalización do idioma galego