A mellor escola, a casa. Campaña de normalización lingüística en Redondela

Co obxectivo principal de facer chegar ás familias a necesidade de coidar e transmitir a lingua galega, o SNL do Concello de Redondela e mais os ENDL dos centros de ensino da localidade poñen en marcha a campaña A mellor escola, a casa. Fálalle galego

A mellor escola, a casa. Fálalle galego é froito da colaboración entre a Concellaría de Normalización Lingüística e a Coordinadora de ENDL de Redondela, e foi coordinada dende o Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello.

O seu obxectivo principal foi facer chegar ás familias, dende os centros educativos, a necesidade de coidar e transmitir a nosa lingua, aproveitando o patrimonio oral vivo nas casas.

Este traballo desenvolveuse nos centros educativos redondeláns durante o segundo trimestre do presente curso, e consistiu nun chamamento ás familias para colaboraren na divulgación de todos aqueles elementos que conforman a nosa tradición oral: ditos e rimas, refráns, cantigas, contos, xogos populares e adiviñas. E, alén diso, animalas a que utilicen a lingua galega nas súas relacións familiares, para facer efectiva a transmisión da lingua propia de avós a pais e a fillos, é dicir, procurar a transmisión xeracional da lingua galega.

Moitos dos familiares do alumnado redondelán contribuíron achegando a súa palabra aos centros, ben a través de textos, gravacións, entrevistas ou, en moitos casos, asistindo a sesións conxuntas do alumnado coas familias nos propios centros educativos, onde se fixo unha efectiva e intensa promoción da nosa lingua.

O material recollido, froito deste traballo, está composto por gravacións de audio, vídeo e presentacións, e foi compilado e editado posteriormente nun CD con material multimedia baixo o título da campaña: A mellor escola, a casa. Fálalle galego!.

Este material será distribuído entre os centros educativos como mostra do traballo desenvolvido e de que a transmisión da lingua aínda está viva, e cómpre xuntar todos os esforzos e todas as voces para fortalecela e proxectala cara ao futuro.

Este material será presentado o sábado 5 de xuño ás 20.00 h no Auditorio da Xunqueira de Redondela
VI PREMIOS MIL PRIMAVERAS

Premios 1000 Primaveras

En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)

Asociate na CTNL

A CTNL no Youtube

A CTNL no Youtube

Queremos galego!

kit para a normalización en rede

Kit para a normalización en rede

Scroll ao inicio